Friday 22 de November de 2024

O PSOE de Trazo pídelle ao Concello que repoña a marquesiña de Viaño Grande, pola que os nenos/as levan máis de 9 meses agardando


Dafonte ignorou as peticións realizadas pola veciñanza e a moción presentada polos socialistas, a pesar de que a competencia na reposición do mobiliario urbano é exclusiva do Concello

O PSOE de Trazo lamenta que os nenos e nenas de Viaño Grande leven máis de 9 meses á espera de que o Concello de Trazo cumpra coa súa obriga de repoñer unha marquesiña, caída durante os temporais do pasado mes de marzo. Nove meses nos que o alcalde, José Dafonte, ignorou repetidamente tanto as peticións veciñais como a iniciativa presentada no pleno do 28 de setembro polo grupo municipal socialista.

“O alcalde comprometeuse no Pleno a aceleralo o máximo posible, pero o certo é que van xa nove meses e os nenos e nenas de Viaño Grande seguen tendo que estar baixo a choiva mentres agardan polo autobús do colexio”, explica Beatriz Domínguez, voceira do grupo do PSdeG-PSOE de Trazo, quen se pregunta “ata onde vai chegar o desinterese do alcalde polos seus veciños e veciñas” e “se faría o mesmo de seren os seus fillos ou netos os afectados por este tema”.

A marquesiña, emprazada na estrada DP-5903 ao seu paso por Viaño Grande, era empregada de forma habitual pola veciñanza, sobre todo durante o curso escolar xa que é onde collen o autobús varios menores do lugar. Unha marquesiña que rompeu a principios de marzo de 2018, o que motivou varias queixas da veciñanza ao longo destes nove meses e a presentación en setembro dunha iniciativa plenaria por parte do grupo socialista para que se fixeran as xestións precisas para repoñela o antes posible, sobre todo tendo en conta a proximidade do curso escolar.

Nova mentira do alcalde

A voceira socialista lamenta que o alcalde intentara nas últimas semanas “escorrer o bulto e culpar á Deputación Provincial deste atraso, cando a reposición e mantemento do mobiliario urbano é unha competencia exclusiva do Concello”. Así o puideron comprobar durante un encontro con responsables políticos e técnicos de Obras e Servizos da Deputación Provincial, quen confirmaron que a reposición da marquesiña é competencia unicamente do Concello, por moito que estea emprazada nunha estrada provincial.

“Unha vez máis, o alcalde minte á veciñanza e deixa patente a súa nula capacidade de xestión e a situación caótica á que está levando o noso concello”, apunta Domínguez Siaba, quen apunta que “parece incrible que, coas veces que o alcalde vai á Deputación, aínda non teña clara as súas funcións e competencias”.