Friday 22 de November de 2024

Os establecementos hoteleiros da Coruña acadaron unha ocupación do 70% na pasada ponte festiva de decembro


Os datos provisionais confirman as previsións esperadas nunhas datas nas que tradicionalmente aumenta a demanda tanto no turismo urbano como no rural

Os establecementos hoteleiros da cidade da Coruña acadaron unha ocupación de arredor do 70% durante a pasada ponte de decembro. Así o sinala o balance provisional realizado polo Clúster de Turismo de Galicia nuns datos que amosan unha vez máis a importancia destas datas na nosa demanda turística, especialmente no turismo urbano, o turismo rural e as escapadas de última hora.

Este primeiro balance basease en valoracións proporcionadas por representantes do sector, principalmente do ámbito hoteleiro, que ofrecen unha visión aproximada á espera dos datos definitivos. O resultado confirma as previsións esperadas nunha ponte que tradicionalmente funciona ben, malia que nesta ocasión unha das xornadas festivas coincidiu en fin de semana.

Tamén dentro da provincia de Coruña, a Costa da Morte situouse nunha ocupación de entre o 70 e o 75%, mentres que en Santiago de Compostela foi de entre o 50 e o 55%, cun repunte no número de peregrinos que finalizaron o Camiño de Santiago respecto á semanas anteriores, co que a cifra a final de ano situarase por encima dos 326.000 romeiros.

A desestacionalización da chegada de visitantes é precisamente un dos retos polos que traballa a Estratexia do Turismo de Galicia 2020, o documento impulsado pola Xunta froito da colaboración público-privada. Así, trátase de poñer en valor, dun xeito sustentable, unha oferta atractiva durante todo o ano a través de experiencias vencelladas a recursos propios como o termalismo, a natureza, o patrimonio, o enoturismo ou o turismo activo, entre outros.