A axuda media foi de preto de 2.000 euros, inda que segundo os casos pode chegar ata os 3.400
Un total de 141 persoas, das que 109 son homes e 32 mulleres, se benefician na provincia da Coruña das axudas da Secretaría Xeral da Igualdade destinada ás persoas traballadoras -homes e familias monoparentais- que se acollen á redución da xornada laboral para o coidado dos seus fillos e fillas. No total galego, as axudas chegan a 280 persoas.
O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a resolución desta convocatoria de axudas, que ten como obxectivo fomentar a conciliación da vida familiar e laboral, ao tempo que se fomenta a corresponsabilidade entre homes e mulleres e se favorece, así, a desaparición dos estereotipos en torno ao coidados dos menores e do fogar. Por iso, a convocatoria está destinada fundamentalmente a homes, inda que tamén se inclúen as familias monoparentais que, pola súa situación, precisan dun apoio específico.
O orzamento concedido este ano para as 141 persoas beneficiarias na provincia da Coruña ascendeu a un total de 279.673 euros, cofinanciado ao 80% polo Fondo Social Europeo.As axudas individuais teñen unha contía media de 1.977 euros, inda que esta pode chegar ata os 3.400 euros, en función da porcentaxe da redución da xornada, a súa duración, e o número de fillos a cargo da persoa solicitante.
O delegado territorial da Xunta de Galicia na Coruña, Ovidio Rodeiro, destacou que “esta liña de axudas individuais é un piar máis na loita da Xunta de Galicia por conseguir a igualdade real entre homes e mulleres en todas as áreas, xa que axuda a conciliar a vida familiar e laboral e fomenta a igualdade de xénero no ámbito do traballo”.