A inscrición deberá formalizarse nos Servizos Sociais de Lousame entre o 11 e o 17 de decembro
O Concello de Lousame abre mañá martes 11 de decembro o prazo de inscrición no “Lousame Concilia”, programa de conciliación familiar que por terceiro ano consecutivo se convoca conxuntamente para os tres próximos períodos de vacacións escolares do ano: Nadal, Entroido e Semana Santa. O Concello de Lousame convoca 20 prazas en cada convocatoria, mentres que as familias poderán optar por anotarse nun, dous ou nos tres períodos ofertados. Unhas inscricións que deberán formalizar nos Servizos Sociais de Lousame entre o 11 e o 17 de decembro.
O “Lousame Concilia” é un servizo de canguraxe para nenos e nenas de 3 a 12 anos que terá lugar durante os días laborables dos períodos de vacacións escolares, en horario de 9:30 a 14:30 horas, nas instalacións do CPI Cernadas de Castro. O Concello de Lousame convoca 20 prazas para os próximos tres períodos vacacionais: Nadal (9 días: 24, 26, 27, 28 e 31 de decembro; e do 2, 3, 4 e 7 de xaneiro), Entroido (3 días: do 4 ao 6 de marzo de 2019) e Semana Santa (3 días: do 15 ao 17 de abril).
Para anotarse, as familias só terán que cubrir e asinar o correspondente impreso de solicitude (que poden descargar da web do Concello) e presentar a última nómina ou recibo de persoas autónomas para acreditar a situación laboral puntuable. Á hora de establecer o baremo para a admisión dos pequenos, o Concello de Lousame outorgará 3 puntos a todos os menores empadroados en Lousame cunha antigüidade mínima dun ano. Así mesmo, daranse 2 puntos a aquelas solicitudes cos dous proxenitores empregados e 1 punto no casos nos que un dos proxenitores traballe. Tamén se outorgará 1 punto aos que non superen os ingresos establecidos para a situación socioeconómica familiar.
En caso de empate na puntuación, aplicarase a orde de entrada da solicitude no Rexistro do Concello de Lousame. Así mesmo, dende Servizos Sociais lembran que tamén existe a posibilidade de traer aos pequenos ao “Lousame Concilia” en datas concretas, sempre que queden prazas vacantes. Para iso é preciso chamar ao 609 828 853 para reservar a praza.
“Lousame Concilia” é un programa de conciliación familiar organizado polo Concello de Lousame e cofinanciado polo Fondo Social Europeo e a Secretaría Xeral da Igualdade da Presidencia da Xunta de Galicia.