Friday 22 de November de 2024

A Xunta inviste 86.000 euros na renovación de beirarrúas nun tramo da avenida Ramiro Carregal no polígono industrial de Xaras


O delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, e o alcalde de Ribeira, Manuel Ruíz Rivas, visitaron o parque empresarial para verificar os traballos

O delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, visitou acompañado polo alcalde de Ribeira, Manuel Ruíz Rivas, o parque empresarial de Xaras en Ribeira para comprobar o resultado das obras de mellora deste polígono. A intervención foi posible grazas a unha achega da Consellería de Economía, Emprego e Industria de máis de 86.000 euros.

Na visita na que tamén estivo presente o alcalde de Ribeira, Manuel Ruíz Rivas, Ovidio Rodeiro comprobou que o investimento permitiu renovar as beirarrúas dun tramo da Avenida de Ramiro Carregal.

Ovidio Rodeiro sinalou que “a Xunta de Galicia mantén o seu compromiso co desenvolvemento industrial de Galicia, por iso a Consellería de Economía, Emprego e Industria está a facer un importante esforzo orzamentario para incrementar a dotación do programa de apoio aos parques empresariais”.

Esta actuación forma parte da orde de axudas a través da cal a Xunta investirá máis de 197.000 euros para mellorar os parques empresariais da comarca do Barbanza en tres concellos da área (Boiro, Rianxo, e Ribeira). A maioría dos proxectos van orientados a mellorar as infraestruturas viarias dos polígonos e para a instalación de sistemas de seguridade e vixilancia, aínda que tamén para plantas de depuración de auga, xestión de residuos ou instalacións contraincendios. En total, na provincia da Coruña investiranse 2,2 millóns para financiar 29 proxectos en 25 concellos, dos que un era concello emprendedor cando se resolveron as axudas.

Os investimentos que se realizarán son a mellora da seguridade vial e a ampliación do sistema de videovixilancia e control de accesos do parque empresarial de Espiñeira en Boiro, a instalación dun sistema de vixilancia no parque empresarial de Rianxo e a renovación de beirrúas nun tramo da avenida Ramiro Carreal no polígono industrial de Xaras en Ribeira.

Con respecto á orde de axudas destinada a parques empresariais, aprobáronse un total de 76 proxectos. Desenvolveranse en 62 concellos galegos –dos que 20 eran concellos emprendedores cando se concederon os apios, é dicir, aqueles adheridos ao convenio entre Xunta e Fegamp para impulsar a captación de novos investimentos empresariais– cun investimento de 5,7 millóns de euros e unha mobilización de 7,45 millóns. Concretamente na comarca do Barbanza, Boiro é un Concello Emprendedor.

Coa aprobación destes proxectos, esta orde terá permitido, desde 2009, realizar 502 proxectos en 149 parques industriais de 122 concellos galegos cun investimento de 35 millóns de euros.

Con estas novas axudas, nas que este ano os Concellos Emprendedores tiveron preferencia, a Xunta segue mantendo o seu compromiso cos gobernos locais e o desenvolvemento das súas infraestruturas, co fortalecemento do tecido empresarial e industrial da Comunidade e co apoio ao emprendemento, liñas que encaixan coas medidas promovidas pola Lei de implantación empresarial para favorecer a captación de novos investimentos para Galicia.