O Concello de Moeche acaba de aprobar o reparto de 9.257 euros en concepto de bolsas de estudo e axudas para desprazamento coas que se atenderán as 63 solicitudes aceptadas dun total de 75 peticións. A maior parte delas -arredor de medio cento- son para gastos relacionados coa formación de alumnado matriculado en centros públicos, desde os cursos de infantil até os universitarios e de formación profesional, mentres que a ducia restante vai para axudarlles cos gastos de transporte a mozos e mozas que estudan fóra. A cantidade total -que supón preto do 62% da partida reservada inicialmente- empezará a ingresárselles ás familias nos próximos días, con importes que nalgún caso chega aos 475€ por alumno.
As bolsas máis numerosas son as de Educación Infantil, Primaria e ESO, con 38 solicitudes concedidas e contías entre os 75 e os 150€, dependendo das rendas da unidade familiar do alumnado beneficiario. Por outra banda, para bacharelatos e ciclos formativos outorgáronse 11 axudas -entre 150 e 200 euros- e no caso de estudos superiores e universitarios asignáronse dúas bolsas de 250 euros cada unha.
O importe total que se fará efectivo en breve ascenderá a 7.582 euros. A comisión que avaliou o cumprimento das bases da convocatoria rexeitou cinco solicitudes por non cumprir as condicións estipuladas nas bases -a maioría por superar os niveis de renda- e outras tres por desistimento das persoas que inicialmente botaran a instancia pero que logo non continuaron co procedemento por distintas razóns.
Ademais das axudas directas para gastos de estudo, a liña convocada polo Concello tamén recollía un apartado para colaborar nos gastos de desprazamento de todo aquel alumnado que tivese que desprazarse fóra de Moeche para proseguir cos seus estudos postobrigatorios. Xunto cos niveis de renda familiar, as cantidades asignadas estaban estipuladas nas bases en tramos de distancias, prevendo un maior importe canto máis lonxe.
Así, do primeiro tramo das bolsas de transporte beneficiáronse 9 rapazas e rapaces, que percibirán entre 100 e 125€, por estaren cursando estudos en centros a menos de 35 quilómetros de Moeche. Outra das solicitudes aceptadas percibirá 175€ por ter que desprazarse entre 35 e 100 quilómetros e, por último, haberá dúas cunha asignación de 225€ cada unha por estar estudando a máis de 100 quilómetros de distancia.
O montante total desta partida foron 1.675€ e houbo 4 solicitudes que quedaron fóra do reparto por non cumprir cos límites de renda ou por desistimento.
Hai que ter en conta que as bolsas de estudo e as axudas para desprazamento son compatibles entre si -e coas doutras administracións-, polo que nalgún caso en que se cumpren os requisitos máximos o importe total chega aos 475€.
Todas as resolucións xa lle foron notificadas ás familias solicitantes e, tras cumprirse o prazo de alegacións, a lista é definitiva. O Concello agarda facer os ingresos das cantidades correspondentes nos próximos días. A Administración local tiña reservada para este capítulo unha partida de 15.000 euros da que, finalmente, se distribuirán 9.257 euros, un 61,7%.