Esta achega é para a compra dun vehículo de transporte dos seus usuarios
O presidente da Deputación da Coruña, Diego Calvo, vén de asinar un acordo coa presidenta da Asociación AMBAR; Milagros Rey Pérez, polo que a entidade recibirá 24.964,40 euros para sufragar o 72,82% do custo da compra dunha furgoneta de transporte para persoas.
Esta entidade para persoas con diversidade funcional recolle aos seus usuarios nos concellos do entorno de Barbanza para levalos ata os seus centros de día e mesmo ocupacional en Ribeira. En concreto, AMBAR actúa en Rianxo, Boiro, Ribeira, A Pobra e Porto do Son.
“Desprazámonos por zonas moi rurais onde un autobús ou furgoneta grande non pode pasar, polo que este vehículo era unha primeira necesidade para nós”, indicou a portavoz, que engadiu que a contribución da Deputación para este fin “é algo de agradecer moito”.
Diego Calvo sinalou a importancia de axudar a este tipo de entidades que “dan tanto á sociedade sen pedir nada a cambio” e comprometeuse a “estar aí” á hora de colaborar para estes fins.
Esta nova adquisición permitirá aos usuarios viaxar en condicións adecuadas e a AMBAR aforrar custos polas continuas avarías que sufre un dos vehículos da súa flota. Esta furgoneta contará con 9 prazas adaptadas e inclúe a posibilidade de instalar 6 butacas xiratorias abatibles, así coma un chanzo eléctrico, guías para fixar as cadeiras de rodas e unha plataforma eléctrica traseira.
A Asociación AMBAR de persoas con diversidade funcional é unha entidade sen ánimo de lucro que apoia e presta servizos a persoas con algún tipo de discapacidade e ás súas familias. Comezou atendendo a unhas 15 persoas e agora ten uns 62 usuarios nos seus centros.