Vai para máis dun ano en que o Concello de Moeche se dirixiu á Deputación da Coruña para solicitarlle formalmente a transferencia da DP 4901 que cruza todo o núcleo de San Ramón ata conectar coa estrada das Somozas. Unha solicitude que estaba condicionada a que, previamente, se acometesen obras de mellora tanto no firme como na seguridade peonil no tramo comprendido entre a Casabranca e o cruzamento coa DP 4904, situado un pouco máis adiante do campo de fútbol municipal. De feito, o Concello mesmo se encargou de contratar e entregarlle ao organismo supramunicipal o proxecto técnico das obras que, finalmente, foron aprobadas o pasado venres no pleno da Deputación, cun investimento superior aos 265.000 euros.
Os traballos arrancarán xusto onde rematan as beirarrúas de San Ramón, a escasos metros do establecemento de Pensos Pazo e desde alí proseguirán ata o “stop” da outra vía provincial, a DP 4904, que une Balocos coas Somozas. O proxecto deseñado polo Concello de Moeche marca a substitución do firme en todo o tramo por outro novo de aglomerado, co que se asegura unha mellor adherencia e a eliminación de irregularidades dunha das vías con máis tránsito do municipio. De feito, para incrementar a seguridade tamén se incorporou a necesidade de dimensionar o largo, que pasará dos 4,2 aos 6 metros.
Por outra banda, dentro do plan técnico municipal tamén se incorporou unha senda que prolongue a marxe esquerda das beirarrúas existentes, facéndoa chegar ao remate da pista. Neste caso óptase polo cemento tintado que, ademais, levará soterradas as canalizacións de pluviais e os correspondentes rexistros para evacuar a auga da estrada.
“Desde o Concello preparamos o proxecto técnico e fixémosllo chegar á Deputación hai máis dun ano. O que pedimos foi o arranxo dese tramo da estrada antes de que poida pasar a mans municipais, xa que non ten moito sentido que un dos principais eixos viarios do centro urbano sexa de titulariedade provincial. Hai que ter en conta que calquera traballo de mantemento que faga o Concello no seu entorno ou incluso calquera pequena intervención que queira facer un veciño ou unha veciña que linde coa estrada, debe contar antes con autorización da Deputación, algo que retrasa considerablemente a tramitación. Por iso pedimos que nola transferisen toda, desde o colexio ata o cruzamento da estrada das Somozas, e tamén que antes a deixen preparada con novo firme e a senda peonil”, explica Beatriz Bascoy.
A alcaldesa sinala tamén que “proximamente” o Concello se reunirá coa veciñanza que poida verse afectada pola obra para concretar o alcance da cesión de predios nas súas marxes. “Realmente será moi pouco o que toque nas fincas limítrofes, pero é necesario e obrigado falalo antes coa xente que, segundo nos trasladou xa no momento en que preparamos o proxecto, está practicamente toda de acordo en que se acometa o ancheado e tamén a construción da senda”.
Xunto co arranxo da estrada e a execución dunha nova beiravía, a obra -cifrada en 265.558,77 euros- tamén contempla a renovación da sinalización horizontal e vertical, así como a instalación das canalizacións para a iluminación pública que o Concello proxecta ampliar en toda esa zona.