A sala de exposicións brionesa acolleu durante o pasado mes de novembro unha mostra de 26 cadros do pintor
A familia do pintor Modesto Paz Camps reuníronse esta mañá co alcalde de Brión, José Luís García, para agradecerlle ao Concello de Brión a organización da exposición e do acto de presentación oficial do libro “Modesto Paz Camps: su vida artística y bohemia, sus exposiciones, su museo y la catalogación de su obra”, celebrado o pasado 31 de outubro. Un encontro no que estiveron acompañados polo autor do libro, Guillermo González, e no que fixeron entrega ao Concello de Brión dunha das obras de Modesto Paz Camps, concretamente unha paisaxe de Ponte Maceira.
García agradeceu á familia de Paz Camps tanto a doazón como a colaboración na exposición realizada o pasado mes de novembro, cunha selección de 26 obras deste pintor, moitas delas relacionadas con Brión, co Val da Maía e coa contorna de Compostela. “Somos nós os que temos que agradecer a oportunidade de poder ter en Brión obras como a Leiteira da Mahía ou as obras que o autor lle dedicou á igrexa de Bastavales, así como algunhas pezas descoñecidas para o gran público e que durante dúas semanas puidemos desfrutar en Brión”, apuntou José Luís García.