A presidenta da ARD Ría de Muros-Noia entregará o documento na Dirección Xeral de Patrimonio para iniciar o expediente para a recoñecemento deste Camiño como “ruta con historicidade”
A presidenta da ARD Ría de Muros-Noia, Teresa Villaverde, vén de recibir o traballo “Recompilación e análise da documentación histórica. Camiño de peregrinación a Santiago de Compostela pola Ría de Muros-Noia”, elaborado pola empresa RVR Arquitectos. Un traballo entregado polos dous investigadores que dirixiron o proxecto: o arquitecto Marcial Rodríguez e o historiador e arqueólogo Mario César Vila.
“A conclusión do estudo é que existen testemuñas arqueolóxicas, históricas e documentais suficientes que acreditan a historicidade do Camiño a Santiago pola Ría de Muros-Noia”, explica Teresa Villaverde, quen nos próximos días presentará un oficio na Xunta de Galicia a efectos de que se poida iniciar o expediente por parte da Dirección Xeral de Patrimonio para o recoñecemento deste camiño como unha ruta con historicidade, tal e como se recolle no artigo 73 da Lei 5/2016 de 4 de maio de Patrimonio Cultural de Galicia. Así mesmo, solicitará unha entrevista co conselleiro de Cultura para entregarlle persoalmente unha copia deste estudo de historicidade.
Documentación
Marcial Rodríguez apunta que o traballo recolle “documentación concreta. É un informe que recompila, expón e ordena toda unha serie de acontecementos e evidencias que permiten avalar a historicidade do camiño. Todo moi sinxelo e con probas constatables, é dicir, que apareza o documento”. De feito, o informe propiamente dito ocupa 52 páxinas, mentres que a documentación histórica suma outras duascentas máis.
“Nesta historicidade incorren factores que son puramente xeográficos, como é o feito que supón a conexión marítimo-terrestre dos portos de Noia e Muros coa cidade de Compostela. Pero son os documentos históricos os que fundamentan a construción do relato”, sinala Mario César Vila. Entre esta documentación figuran a restauración do Portus Apostoli na Carta Fundacional da vila de Noia no ano 1168; a visita, vinte anos antes, da escuadra de Darmounth, con navíos ingleses, franceses e alemáns; ou as crónicas dos cruzados Arnolfo e Osborne “que dan fe de que dende alí se levou a cabo unha ruta de peregrinaxe a Compostela e que, como é lóxico, estaría implantada con anterioridade”, conclúe o estudo.
Tres séculos despois, nárrase o relato da viaxe dun comerciante veneciano, Pietro Querini, que chega en 1431 ao porto de Muros e realiza unha peregrinación a pé ata o sepulcro do Apóstolo. Un século máis tarde, en 1524, hai referencia á chegada de cincuenta peregrinos franceses a Muros. “Hai unha carta do rei Carlos V, pedindo que teñan clemencia cos peregrinos apresados, e que está no Arquivo da Catedral”, engade Marcial Rodríguez.
O estudo conclúe que “toda esta documentación histórica suxire un feito xacobeo neste camiño de conexión das vilas costeiras de Muros e Noia coa cidade compostelá. Son feitos transcendentes que son recollidos documentalmente, a diferenza doutras peregrinaxes máis comúns ou populares e que documentalmente non quedarían rexistradas, pero que existirían. Pero hai tamén no argumentario deste relato outros feitos a ter en conta: os elementos arquitectónicos, iconográficos e mesmo viarios”.
Neste punto, o traballo chama a atención sobre a existencia dos hospitais, do templo de advocación a Santa María do Camiño (Muros) ou a porta da Virxe Peregrina (Noia), así como aos numerosos exemplos da iconografía xacobea presentes nestas vilas, que son vestixios construídos que ilustran a existencia deste universo peregrino. Outros exemplos son as pontes, o Camiño Real ou “que en Roxos apareza a Pedra da Legua, que era onde daban o xiro”, engade Mario César Vila.
O traballo compleméntase coa recollida de estudos, cartografía, publicacións e imaxes de actividades relacionadas co Camiño nos últimos corenta anos. Dende o libro “El Territorio y los Caminos en Galicia. Planos Históricos de la Red Viaria”, de Carlos Nárdiz (1992) ata a fotografía do acto de sinatura do convenio de colaboración entre os Concellos de Ames, Brión, Lousame, Muros, Noia, Outes, Porto do Son, Rois e Santiago para a delimitación do itinerario cultural a Compostela polo ría de Muros-Noia, celebrado o mércores pasado.
Villaverde felicitou a Marcial Rodríguez e Mario César Vila polo seu traballo e sinala que “traballamos para contratar a delimitación do trazado en xaneiro e co obxectivo de conseguir a oficialización do Camiño a Santiago pola Ría de Muros Noia como ruta Xacobea antes da celebración do Xacobeo 2021”.