Friday 22 de November de 2024

Fabiola García destaca o bo facer, proximidade e calidade da atención que desenvolve a institución Padre Rubinos


Subliñou que os seus cen anos de traxectoria convértena nun referente no eido social

A conselleira de Política Social, Fabiola García, fixo fincapé  no bo facer, proximidade e calidade na atención que presta a institución benéfico social Padre Rubinos durante unha visita ás súas instalacións. Neste sentido, garantiu a continuidade do apoio do Goberno galego a esta entidade, que cos seus cen anos de historia é todo un referente no eido social.

Fabiola García indicou que os servizos de escola infantil, de residencia e centro de día, e de albergue e comedor social que ten en funcionamento Padre Rubinos contribúen a facer que A Coruña e Galicia sexan máis xustas, solidarias e inclusivas.

Ademais da calidade dos seus centros, a conselleira destacou que a dignidade é un dos valores que mellor definen o labor diario desta organización. Ao respecto, agradeceu a Padre Rubinos e ao conxunto do tecido social a suma de esforzos por derrubar os muros da exclusión e a desigualdade, e manifestou que a Xunta seguirá traducindo a feitos esta solidariedade e este espírito integrador da sociedade galega.