O Concello chegou a un acordo coa Deputación para que sexa esta a que asuma a parte do financiamento que lle correspondía a aquel
O alcalde presentou este mediodía o proxecto técnico elaborado con motivo da próxima implantación en Riveira dun viveiro de empresas, como consecuencia do convenio de colaboración asinado no pasado de maio entre a Fundación Incyde, a Cámara de Comercio de Compostela e o propio Concello co fin de dotar ao municipio deste novo servizo de apoio e asesoramento a emprendedores locais.
Manuel Ruiz anunciou que, mentres que o 80% do custe está financiado pola propia Fundación Incyde con cargo a fondos Feder, o Concello alcanzou outro acordo coa Deputación a raíz do cal será a entidade provincial a que faga fronte ao financiamento do 20% restante que lle correspondía en principio a esta administración local. Cómpre recordar que o orzamento total da actuación elévase ata os 385.000 euros (308.000 a Fundación Incyde e 72.000 que agora asume a Deputación).
Ademais, avanzou que a actuación será licitada na próximas semanas e o prazo do execución é de seis meses, co cal se presume que no vindeiro verán xa poderá estar en funcionamento.
O rexedor municipal, que estivo acompañado do concelleiro de Comercio e Pemes Anxo Orellán, lembrou que nun principio este viveiro ía ser ubicado no edificio que alberga a UAD, pero que a lentitude dos trámites para a desafectación do inmoble facía inviable cumprir cos prazos previstos, polo que finalmente o Concello se decantou polas instalacións do antigo matadoiro municipal, hoxe en desuso. Neste senso, o recinto será obxecto dunhas amplas obras de acondicionamento que servirán ademais para renovar un inmoble cuxo estado actual “afeaba o entorno”.
Demolición
Así, o proxecto técnico inclúe a demolición dunha serie de naves anexas que no seu día foron empregadas como garaxe e zona de espera do gando e que ocupan unha extensión duns 310 metros cadrados (o 40% do total). Tamén se efectuará o derrubo dunha parte que sobresae da fachada do edificio.
En troques, crearase unha área de aparcamento e o entorno será urbanizado.
En canto á parte central do inmoble (que se corresponde coa antiga zona de despece) será convenientemente acondicionado e equipado cuha sala de reunións, 10 despachos de entre 10 e 15 metros cadrados, un vestíbulo/recepción/control e aseos, ademais de haber unha sala de reunións e outra de usos múltiples. Entre os materiais a utilizar figuran pavimento de linóneo e lamas de aluminio.
A superficie total construída será de 421 metros cadrados, dos cales 362 serán superficie útil.