Saturday 16 de November de 2024

Xunta e COGAMI celebran cos Bolechas o Día Internacional das Persoas con Discapacidade Intelectual


O secretario xeral de Política Lingüística participou nos actos que se levaron a cabo no CEIP Emilia Pardo Bazán

O secretario xeral de Política Lingüística da Consellería de Cultura e Turismo, Valentín García, e o xefe territorial da Coruña da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, Indalecio Cabana, celebraron este mediodía con máis de 200 alumnos e alumnas do coruñés CEIP Emilia Pardo Bazán o Día Internacional das Persoas con Discapacidade Intelectual. Para iso, contaron coa axuda da Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (COGAMI) e duns colaboradores moi especiais: a familia Bolechas, protagonista da unidade didáctica e dos xogos en liña con que as consellerías mencionadas queren achegarlles aos escolares o mundo da discapacidade.

Valentín García explicou “que aspiramos a que a lingua galega estea presente en todos os espazos da sociedade e, dunha maneira moi especial, no ámbito da educación en valores democráticos, como o respecto á diversidade”. Neste sentido, o secretario xeral de Política Lingüística considerou que “non hai mellor opción que convidar Os Bolechas, que tanto éxito teñen entre os nenos e nenas e que sempre falan en galego, a colaborar neste proxecto e en calquera que se oriente á educación no respecto e no valor da diversidade, unha tarefa que ten repercusións en diversos ámbitos: no da lingua, no da ecoloxía, no da igualdade de xénero e no aprecio a persoas con capacidades diferentes”.

Co secretario xeral e o xefe territorial estivo no acto o vicepresidente de COGAMI, Ramón Sestayo, así como o profesorado e o alumnado do CEIP Emilia Pardo Bazán, que puido gozar da presenza dos Bolechas no seu centro educativo.

Materiais didácticos
A celebración do Día Internacional das Persoas con Discapacidade Intelectual forma parte das actuacións en materia de dinamización lingüística que se desenvolven en 2018 no marco dun convenio entre COGAMI e a Consellería de Cultura e Turismo a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística. Estas inclúen tamén o deseño e envío aos centros educativos de infantil e primaria dunha unidade didáctica, presentada hoxe, na que Os Bolechas guían o alumnado de 3 a 8 anos a través do mundo da discapacidade para axudalo a comprender a diversidade do xénero humano e a mostrar actitudes de respecto e de empatía. Para iso, a unidade conta con explicacións e actividades en tres niveis diferentes de dificultade que se completan con divertidos xogos en liña. Tanto os xogos como a unidade didáctica poden atoparse no Portal da Lingua Galega www.lingua.gal.
Microexperiencias
O acto institucional e a presentación dos materiais educativos aos que asistiron Valentín García e Indalecio Cabana completáronse cunha serie de obradoiros dirixidos ao alumnado do CEIP Emilia Pardo Bazán onde se puxeron en práctica algunhas das actividades propostas na unidade didáctica. Así, os nenos e nenas foron pasando por diversos microespazos onde, acompañados polos Bolechas e por monitores especializados, pintaron, elaboraron chapas e experimentaron brevemente as distintas discapacidades que condicionan o día a día de moitos cativos e cativas do seu tempo: a superación dun circuíto de obstáculos en cadeira de rodas, o descubrimento de obxectos cos ollos vendados ou a explicación dalgún concepto sen usar palabras, entre outros.