Friday 22 de November de 2024

Ordes convida á reflexión polo Día Internacional da Discapacidade ou Diversidade Funcional


Os actos levados a cabo hoxe incluíron a obra teatral ‘Full Monty’ representada por Andaina Pro Saúde Mental. A edil de Benestar Social de Ordes insistiu “na importancia dunha sociedade inclusiva na que se compartan espazos xa que todos e todas somos vulnerables”

Xa que este ano coincidiu en domingo o Concello de Ordes decidiu pospoñer un día e celebrar hoxe o Día Internacional da Discapacidade ou Diversidade Funcional. Unha xornada que se conmemorou baixo o lema ‘Reflexiona’ e cuxo obxectivo é o de concienciar sobre as distintas barreiras que sofren as persoas con algún tipo de diversidade funcional para poder desenvolverse nunha sociedade inclusiva. Co acto celebrado no auditorio da Casa da Cultura tamén se quixo mostrar que todas as persoas teñen os mesmos dereitos e as mesmas oportunidades para participar plenamente na sociedade.

En palabras de Susana García, concelleira de Benestar Social do Concello de Ordes, “este día internacional recórdanos que temos que seguir traballando para conseguir unha sociedade na que todos e todas falemos cunha soa voz e que compartamos os mesmos lugares e espazos comúns”. A edil cualificou a discapacidade como “un tema de importancia crucial” para o seu goberno. “Todos e todas somos vulnerables e podemos contraer calquera tipo de discapacidade. É importante que tomemos este tema coa seriedade e a prioridade que precisa e nos poñamos a traballar con moito empeño para eliminar as barreiras que nos separan a uns seres humanos doutros. Porque non esquezamos que é moito máis o que nos une que o que nos separa”.

Como en ocasións anteriores o teatro ocupou un lugar destacado na programación deste acto. Andaina Pro Saúde Mental representou a divertida obra Full Monty. Posteriormente os usuarios e usuarias do Curso de Habilidades Sociais do Mesón do Vento fixeron entrega dun agasallo, confeccionado por eles mesmos, aos representantes dos institutos Nº1, Maruxa Mallo e do CEIP O Mesón do Vento. Tamén recibiu galardón María Jesús Ferreiro, membro do grupo de teatro de Andaina Pro Saúde Mental.