Friday 22 de November de 2024

O Concello de San Sadurniño mellora o equipamento da EIM A Rolada e a accesibilidade dos xardíns municipais


 

San Sadurniño beneficiouse este ano dunha axuda de 6.188€ da Consellería de Política Social -cofinanciada nun 80% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional no marco do FEDER Galicia 2014/2020- que se destinou integramente a mellorar a infraestrutura e mailo equipamento da Escola Infantil Municipal. O investimento total foron 7.038 € -o Concello asumiu 850€- e, ademais, dentro do proxecto tamén se incluiu a apertura dunha nova entrada ao patio exterior do centro desde o aparcadoiro principal, algo que vén mellorar a accesibilidade da escola e, de paso, tamén a dos xardíns municipais.

O Concello xa botou man en exercicios anteriores desta liña de subvencións nutrida con fondos europeos para ir facendo melloras na escola infantil. Na solicitude inicial ía un relatorio de actuacións distribuídas en tres capítulos: un para obras menores, outro para a adquisición de equipamento e un terceiro relacionado coas novas tecnoloxías.

Así, con cargo ás axudas mercáronse altofalantes portátiles e un disco duro externo que veñen reforzar a dotación audiovisual do centro e, ademais, tamén se adquiriron unha mesa para o comedor con butacas, hamacas, un coxín de cambio curvado e unha colchoneta especial para a unidade de 0 a 1 ano.

Por outra banda, no apartado das obras, púxose nas paredes das aulas e do almacén un novo recubrimento de cortizo que lles facilitará ás crianzas usar este soporte para pósters, debuxos e outro material didáctico, como é o caso do grande cocodrilo de madeira co que xa xogan e aprenden desde hai uns días. Ademais, a superficie tamén absorbe o ruído, é máis cálida e sirve de protección amortecendo calquera golpe fortuíto que se poida producir.

O capítulo de mellora da infraestrutura incorporou tamén unha partida dedicada á apertura dunha nova entrada que comunique o patio traseiro cos xardíns municipais e co aparcadoiro. Segundo o proxecto -xa executado- este acceso busca facilitar a entrada no recinto con calquera elemento voluminoso e tamén a realización de actividades no exterior. A actuación obrigou a reconfigurar o peche perimetral da zona de xogos para garantir que siga estando separada dos xardíns, xunto co acondicionamento dun sendeiro desde o patio até a porta do aparcadoiro.

Mellora do acceso aos xardíns municipais
A rehabilitación do entorno dos xardíns municipais vai sumando melloras aos poucos. Hai unha década que o Concello se fixo coa súa propiedade e desde aquela foron moitos os cambios que se fixeron neste espazo como lugar para os mercados e, sobre todo, para o lecer. Primeiro o adecentamento das árbores e do peche perimetral, logo os sendeiros -que foron inicialmente de areazo e agora son de cemento tintado-, despois a dotación con máquinas de exercicios e unha zona de xogos e, recentemente, a iluminación. Pero aínda faltaba algo e de grande importancia: asegurar que o recinto sexa plenamente accesible. Neste sentido, o proxecto acometido na Escola Infantil Municipal tamén tivo como o beneficio indirecto o de comunicar mellor o xardín co aparcadoiro existente ao pé do centro de empresas, onde hai dúas prazas reservadas para persoas con diversidade funcional.

Ata o momento a parte traseira do Concello tiña tres puntos de entrada: un polo lateral da casa consistorial, outro entre o pazo e o centro de empresas e un terceiro polo sur desde a estrada de Ferreira, que antigamente era acceso ás leiras da granxa e á extensa Fraga da Marquesa.

Tres accesos que, porén, non son os máis axeitados para unha persoa que vaia en cadeira de rodas. De feito, na última remodelación do espazo axardinouse a parte central -a situada entre o Concello e o centro de empresas- de maneira que unha persoa con mobilidade reducida que aparcase nalgunha das prazas habilitadas debía rodear o recinto por calquera das outras dúas entradas para chegar aos xardíns, nun caso dando unha volta de case 130 metros e no outro -entrando polo sur- de máis de 150.

Para solucionalo, o Concello aproveitou a actuación na EIM facendo unha obra de escasa entidade técnica pero que ten unha grande repercusión sobre a accesibilidade. Os traballos consistiron en facer un novo tramo de sendeiro que una as prazas azuis situadas ao carón de Correos tanto coa nova entrada á escola infantil como cos camiños interiores do xardín.

Non fixo falla tirar muro, xa que se aproveitou o oco da porta existente desde antigo, que permanecía pechada cunha cancela como parte da zona exterior da Escola Infantil Municipal. O peche da horta da EIM desde o hórreo até o muro -onde agora existe unha cancela máis pequena-, deixou vía libre para enlazar o aparcadoiro coa escola e o xardín, usando para iso un firme de zahorra que no futuro se agarda poder facer de cemento, igual que o do resto dos sendeiros. O cambio é substancial, xa que a entrada aos xardíns desde a zona de estacionamento principal quedou reducida a un traxecto de escasos 20 metros e sen ningún obstáculo físico.