Preto dun milleiro de persoas foron fieis á súa cita coa Xuntanza do Maior de Riveira que, celebrada no pavillón da Fieiteira, voltou erixirse nun punto de encontro ineludible para os nosos veciños máis veteranos, unha festa amenizada con música, baile, sorteos, boas viandas e non menos agradables conversas.
Como preludio á apertura de portas do multitudinario evento, oficiuse ao mediodía unha misa conmemorativa na igrexa parroquial de Santa Uxía que estivo cantada un ano máis pola Coral Polifónica Municipal de Riveira.
Despois, antes de proceder co tradicional xantar, o alcalde Manuel Ruiz deu a benvida aos asistentes cunha intervención na que salientou que “Riveira é o que é grazas a vós” e que el cumpriu a súa promesa de que mentres sexa alcalde “este día non se acabará”.
Tamén se dirixiron ao público a concelleira de Servizos Sociais, Esther Patiño; o xerente do Consorcio Galego de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez; e Ramiro Carregal Rey, fillo adoptivo do Concello, quen pronunciou un discurso no que recordou cando chegou a Riveira de xoven e que agora é probablemente o veciño de máis idade de cantos participan na xuntanza.
Rematada a comida (con marisco, carne e pescado) celebrouse un sorteo de vinte lote de produtos, dez por cortesía de Frinsa e dez por Gadis Hiper, ademais de dúas ceas para dúas persoas ofrecidas polo restaurante Sisal (grupo Chicolino).
Antes de dar remate a esta festa, a vocalista Mar Davila encargouse de que aqueles participantes que así o quixeran puidesen disfrutar dun bo baile.