Nestas iniciativas estarán implicados preto de 49.000 alumnos e 2.700 profesores
A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional vén de resolver a convocatoria do Plan Proxecta para o actual curso 2018/19, no que participarán un total de 177 centros de ensino da provincia da Coruña. Ao seu abeiro, uns 48.825 alumnos xunto con 2.681 profesores desenvolverán 337 proxectos diferentes nalgún dos 43 programas que compoñen esta iniciativa. A relación de colexios que desenvolven cada programa pode consultarse no portal web da Consellería, no enderezo electrónico http://www.edu.xunta.gal/portal/node/26562 .
Por número de centros participantes, os programas máis exitosos na provincia da Coruña son “PDC (proxecto deportivo de centro. Centros activos e saudables)”, con 79 centros participantes; ‘Aliméntate ben’, con 41 e “Proxecto Terra” con 19. Séguelle “Donas de si” con 17 centros; “Por 365 días de respecto e igualdade” con 14 centros acollidos; “Proxecto Ríos” con 13; “Meteoescolas” con 11 e “Recíclate con Sogama” con 10. Pode obterse información sobre os 43 programas no portal educativo, no enlace http://www.edu.xunta.gal/portal/planproxecta.
No conxunto de Galicia participarán no Proxecta 542 centros de ensino (un 5,24% máis que o ano pasado), nos que preto de 138.000 alumnos (case un 12% máis ca no curso anterior) e arredor de 8.000 docentes desenvolverán un total de 1.039 proxectos.
Por provincias, 177 centros de ensino coruñeses desenvolverán 337 proxectos, e 73 centros lucenses realizarán 162. En Ourense o número de centros participantes é de 80, que desenvolverán 167 proxectos; mentres que en Pontevedra están implicados 212 centros, cun total de 373 iniciativas.
No curso 2017/18 participaron no Plan Proxecta 515 centros de ensino, preto de 123.000 alumnos e 5.500 profesores.
Programas ofertados
O Plan Proxecta é unha iniciativa da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria en colaboración con diferentes organismos, dirixida a fomentar a innovación educativa nos centros a través de programas educativos que desenvolvan as competencias clave como eixe do currículo e os elementos transversais, nos cales se inclúe a educación en valores.
Neste curso ofertáronse un total de 43 programas diferentes, relacionados cos ámbitos da saúde, a alimentación, a actividade física, a ciencia e a tecnoloxía, a lingua, o patrimonio, a solidariedade, o medio ambiente, o desenvolvemento sustentable, a igualdade, o consumo responsable, o voluntariado, a interculturalidade, a convivencia, a educación emocional, o audiovisual, a normalización lingüística, os dereitos da infancia ou a mobilidade, entre outros.
Todos os programas xa estaban en funcionamento o curso pasado, engadíndose en tres deles novas modalidades. Así, PDC incorpora a modalidade “Milla diaria”, Galicons-net unha referida a “Etiquetaxe dos bens e produtos” e o programa de Educación Patrimonial suma unha actuación sobre “Terras Sacras (mosteiro e olería)”.
O feito de acoller a devandita variedade de programas baixo o Plan Proxecta establece un marco xeral de colaboración para traballar neste eido dun xeito estruturado, de tal forma que se contribúe a fixar uns criterios metodolóxicos e organizativos comúns, a establecer pautas compartidas en relación ao recoñecemento do traballos do profesorado nestes proxectos e a ofrecerlles aos centros e aos docentes a posibilidade de incluír dentro da súa planificación anual e programacións a participación neste tipo de iniciativas.
O obxectivo último deste plan é avanzar nas dinámicas de mellora da calidade educativa e favorecer a innovación nos propios centros a través de programas externos que leven á motivación e ao traballo activo, cooperativo e en rede, do alumnado e do profesorado implicado. Para iso, un dos principais obxectivos destes plan é promover a realización de proxectos interdisciplinarios que poidan servir de modelo de traballo ou de boa práctica, tanto para o propio centro en que se orixinan como para o resto da comunidade educativa galega.