O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, participou no 109º Pleno do Comité das Rexións
O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, participou esta semana na capital comunitaria no 109º Pleno do Comité das Rexións da UE (CdR), o último do presente mandado 2010-2015. Esta sesión de peche serviu para emitir 17 ditames sobre diversas cuestións de interese como a Política de Cohesión, o paquete de política industrial da UE ou a economía azul, unha aposta polo crecemento sostible no sector mariño e marítimo europeo. Así mesmo, hoxe foi aprobada unha resolución sobre a dimensión territorial da recente proposta da Comisión Juncker para pór en marcha un Plan de Investimento de 315.000 millóns de euros que impulse o crecemento na UE.
O plan Juncker: un paso vital para reactivar o investimento
Na sesión desta mañá e no marco do debate da resolución do CdR sobre o paquete de medidas anunciado polo presidente da Comisión, Jean-Claude Juncker, os membros expresaron a súa conformidade co contido do mesmo e a súa vontade de colaborar co resto de institucións da UE na súa posta en marcha. Así mesmo, os representantes das rexións e cidades europeas celebraron a referencia explícita no documento ao papel que han de asumir os entes subestatais no impulso do investimento para o emprego, tendo en conta que en 2013 foron estes os responsables dun 55% do gasto público europeo.
Neste senso, Jesús Gamallo destacou a probada experiencia dos entes rexionais na posta en marcha de proxectos clave para o desenvolvemento da economía real a través dos Fondos Estruturais e de Investimento (EIE). En referencia aos mesmos, e para acadar unha maior eficacia na recuperación económica das rexións da UE, Gamallo chamou a atención sobre a necesidade de que este novo paquete de investimento sexa coherente coas prioridades xa sinaladas polas rexións nos seus programas operativos e estratexias de especialización intelixente.
“O Plan Juncker é ambicioso e necesario. Ambicioso porque chegar a mobilizar tal cantidade de diñeiro dende o partenariado público-privado non vai ser unha tarefa sinxela. Necesario porque o estímulo á actividade económica é unha esixencia do momento actual”, sinalou o director xeral.
Tamén fixo referencia ao Plan de Investimento na súa intervención desta mañá a recentemente nomeada comisaria de Política Rexional, Corina Cretu, quen comentou o potencial impacto do mesmo nas rexións e cidades e presentou as prioridades políticas do seu mandato. Aproveitando a presenza da presidenta do Parlamento de Galicia en Bruxelas para asistir a unha reunión do intergrupo do CdR de “Rexións con competencias lexislativas”, Jesús Gamallo e Pilar Rojo saudaron á nova responsable de Política Rexional.
Reconectar Europa cos cidadáns
O pleno aprobou onte, así mesmo, un ditame referido a “Reconectar Europa cos cidadáns – comunicar máis e mellor a nivel local”, un texto no que viña traballando dende o mes de xuño a comisión CIVEX, da que forma parte Jesús Gamallo. Este ditame nace como resposta aos resultados das pasadas eleccións europeas, que demostraron a desafección dunha significativa parte da cidadanía co proxecto Europeo e a necesidade de reformular a estratexia de comunicación da UE.
No debate previo á súa aprobación definitiva, Jesús Gamallo tomou a palabra para recordar a necesidade de apostar polos medios locais e rexionais co propósito de facer chegar o traballo desenvolvido pola UE aos cidadáns, simplificando as mensaxes e explicando ata que punto as políticas europeas teñen mellorado as súas condicións de vida nas últimas décadas. Co obxecto de que a información aportada polos medios máis próximos á cidadanía sexa atractiva e veraz, Gamallo defendeu a necesidade de que dende a UE se continúen a levar a cabo actividades formativas destinadas aos seus xornalistas.
Como conclusión, o texto final aprobado onte polo CdR reclama ás institucións europeas a creación dun Plan de Comunicación 2015-2019 que traballe pola mobilización e sensibilización da opinión pública en asuntos europeos a través da posta en marcha de iniciativas de comunicación descentralizadas, coordinadas politicamente dende Bruxelas.
Máis presenza dos desafíos demográficos na Política de Cohesión da UE
Onte aprobouse tamén un ditame sobre o VI Informe da Cohesión, documento publicado en xullo pola Comisión Europea que fai un percorrido polo funcionamento e impacto desta política. Neste contexto, Jesús Gamallo apoiou unha serie de emendas propostas por CC.AA. españolas participantes no Foro de Rexións Españolas con Desafíos Demográficos (FREDD), do que Galicia forma parte, como parte do traballo conxunto desenvolvido neste eido nos últimos meses. O denominador común de todas elas foi a inclusión das problemáticas demográficas entre os elementos que han de garantir unha especial atención por parte da Comisión á hora de aplicar a Política de Cohesión naquelas rexións que as padezan con especial crueza.
Gamallo defendeu ademais dúas emendas presentadas a este VI Informe da Cohesión dende o goberno galego nas que se avogaba pola simplificación e racionalización dos procedementos de acceso ao financiamento europeo, así como por unha mellor trasposición da lexislación comunitaria para facilitar a xestión dos fondos provenientes da UE.
Outras cuestións
O pleno do CdR aprobou así mesmo dous ditames sobre cuestións de especial interese para Galicia pola súa conexión co naval, como son as propostas da Comisión Europea referidas ao paquete de política industrial e á innovación na economía azul.
Nestes ditames, o CdR anima aos Estados membros e á industria a aproveitar as posibilidades que ofrece a nova normativa europea en materia de axudas estatais á hora de promover a renovación industrial. Así mesmo recordan que a estratexia do “crecemento azul” non se pode circunscribir unicamente á pesca e o medio ambiente senón que debe incluír outros sectores estratéxicos, como a construción naval ou a enerxía azul.
O Comité das Rexións
O Comité das Rexións é a asemblea consultiva comunitaria na que están representados os entes locais e rexionais da Unión Europea. Está composto por 353 membros, 21 dos cales son españois. En representación da Comunidade Autónoma de Galicia, o membro titular é o propio Presidente da Xunta de Galicia, mentres que o cargo de membro suplente recae no Director Xeral de Relacións Exteriores e coa UE.
Na actualidade Galicia participa en dúas das seis comisións do Comité das Rexións: na comisión de Cidadanía, Gobernanza, Asuntos Institucionais e Exteriores (CIVEX) e na comisión de Cohesión Territorial (COTER). A Fundación Galicia Europa realiza labores de asesoramento e apoio á participación galega neste órgano comunitario, tanto nas comisións de traballo como nas sesións plenarias.