Os veciños da comarca xa poden contemplar a nova exposición do Centro Cultural Lustres Rivas: “Sentimentos cromáticos”, do pintor Ramón Alegre, quen acudiu expresamente ao acto inaugural
Alegre (Vigo, 1948) estivo acompañado do alcalde Manuel Ruiz e da concelleira de Cultura Herminia Pouso nun acto de apertura que contou coa presenza de colegas do autor como Maralla ou Paco Casal.
Letra ñ
Durante a presentación, o artista comentou a súa predilección pola letra ñ, presente na maioría dos seus cadros e, segundo manifestou, a achega máis universal de Galicia ao mundo hispano xa que foi inventada aquí no século XII, non pasando ao castelán ata o século XIV. Pola súa parte, Ruiz salientou o colorido das pinturas do creador, que coincide con outra mostra moi cromática na casa consistorial, como é a dedicada a Joan Miró.
Alegre ten exposto en Cangas do Morrazo, A Coruña, Vigo ou Santiago de Compostela. Xa participara en 2015 no Lustres Rivas no marco dunha exposición colectiva organizada polo colectivo AGAEC.
A mostra estará aberta ata o 29 de decembro e pode ser visitada de luns a venres de 10 a 14 horas e de 19 a 21 horas e os sábados de 11 a 14 e de 19 a 21 horas. A entrada é gratuíta.