O delegado territorial na Coruña, Ovidio Rodeiro, visitou o parque empresarial deste concellos da man do alcalde, Manuel Fernández, e de empresarios do polígono
O delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, visitou o polígono industrial de Boqueixón, acompañado polo alcalde, Manuel Fernández, e polos empresarios do polígono. Se trata dunha das novas áreas empresariais da provincia que se incorporaron este ano á actuación de despregamento en polígonos do Plan de banda larga da Xunta e o operador R, e que en 2018 completou a súa implantación en oito parques empresariais da provincia: O Acevedo, en Cerceda; Curtis-Teixeiro; Cruz das Cabezas, en As Pontes de García Rodríguez, As Somozas, Muros e Boqueixón.
Rodeiro lembrou que grazas a este proxecto, impulsado pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), o 98% das superficies empresariais ocupadas da provincia terán acceso a redes de máis de 100 Megas antes do remate do presente ano. As empresas dos polígonos beneficiadas desta actuación do plan poden contratar servizos de Internet a través de fibra óptica cunhas velocidades de ata 350 megas de baixada e 35 de subida, e cunha garantía de caudal do 80% sen límite de descargas.
Ademais, o operador R pon á disposición das empresas dos polígonos a tecnoloxía necesaria para que poidan acometer a súa transformación dixital. Nesta liña están os servizos e solucións na nube como a videoconferencia ou a posibilidade de usar os seus equipamentos e o software como servizo pagando só polo uso que deles fan, sen necesidade de investir.
Outra opción á man destas empresas é o acceso aos servizos do chamado Internet das Cousas (IoT) e da industria 4.0, relacionados coa eficiencia enerxética, control de intrusións nas edificacións, servidores virtuais e analítica de datos (big data), entre outros.
O Plan xa completou o despregamento en 57 polígonos e este ano chega aos 24 restantes. Deste xeito, en 2018, un total de 130 polígonos, que concentran case o 93% da superficie empresarial ocupada, disporán de acceso a redes de máis de 100Mbps. A Amtega achega unha axuda de 3,4 millóns de euros, que xerarán un investimento total de 5,2 millóns. Estas subvencións cofináncianse ao 75% polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Plan de desenvolvemento rural de Galicia 2014-2020 (PDR).
Axudas a empresas illadas
Para complementar esta actuación, no marco do Plan de Banda Larga, a Amtega puxo en marcha unha liña de axudas para facilitar o acceso a internet ultrarrápida de empresas illadas. Tras unha primeira liña de subvencións a empresas e autónomos con 400.000 euros en axudas en 2017, a Amtega vén de abrir unha segunda convocatoria cun importe de 600.000 euros máis.
As axudas, que se poden solicitar ata o 31 de xaneiro de 2019, subvencionarán ata o 100% dos custos das tarefas necesarias para dotar de banda larga ultrarrápida á empresa, ata un máximo de 20.000€ por proxecto. Non obstante, os proxectos deberán ter un custo mínimo de 2.000€.
Os principais requisitos que deberán cumprir os solicitantes serán non dispoñer actualmente da posibilidade de acceso a redes ultrarrápidas de cando menos 30 Mbps e manter a alta no servizo contratado inicialmente durante cando menos 1 ano.
Nesta nova convocatoria os interesados poderán presentar solicitude de forma individual ou en agrupación de empresas, co obxecto neste segundo caso de facilitar a dotación dos servizos ultrarrápidos ás empresas e autónomos situados en localizacións próximas.
Estas subvencións cofináncianse ao 75% polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER) no marco do Plan de desenvolvemento rural de Galicia 2014-2020 (PDR).