Friday 22 de November de 2024

A Xunta destinará 350 millóns para que os empregados públicos cobren o 100% do complemento específico e a paga extra de 2012


A Lei de Emprego Público facilitará a mobilidade dos empregados públicos e incentivaraos coa valoración obxectiva do mérito

A Xunta de Galicia destinará 350 millóns de euros ata 2018 para que os empregados públicos volvan cobren o 100% do complemento específico e recuperen a totalidade da paga extraordinaria de 2012. O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, explicou que esta medida inclúese no proxecto de Lei de Emprego Público, aprobado no Consello da Xunta.

Tal e como avanzou onte no Parlamento, o texto establece un fondo retributivo para a recuperación paulatina do complemento específico e, en consecuencia, do 100 por cento das pagas extraordinarias. E converterá Galicia, ademais, na primeira comunidade que suprime o chamado plus dos ex altos cargos.

Ademais, o presidente da Xunta salientou hoxe que a nova Lei de emprego público facilitará a mobilidade dos empregados públicos, cun 7 por cento dos postos abertos á provisión por funcionarios doutras administracións e incentivará o seu traballo mediante a valoración obxectiva e imparcial do mérito.

Durante a rolda de prensa do Consello, Feijóo subliñou que se trata dunha lei demandada, beneficiosa para os empregados públicos e para todos os cidadáns, “xa que o que se pretende é modernizar, axilizar e obxectivizar a prestación dos servizos públicos en Galicia”.

Así mesmo, afirmou que este documento vén a completar e pechar a serie de medidas postas en vigor nos últimos anos, no eido do emprego público: como o impulso dos concursos de traslados “e, a pesar da crise en Galicia fixemos concursos de traslados dos que se beneficiaron 6.000 empregados públicos”; coa implantación da flexibilidade horaria, á que se acolleron xa máis de 6.000 empregados públicos; e coa estabilización da plantilla da Xunta “e, neste sentido, cómpre salientar que estamos no perfil de comunidades con menor redución de emprego nos servizos públicos, no ámbito de comparación coa Administración do Estado, Administración local e Administracións autonómicas”.

Feijóo afirmou que o documento establece un marco común que pode afectar a 120.000 empregados públicos na Comunidade, “xa que non se trata –explicou- só dun marco común para a Administración xeral da Comunidade autónoma, senón que tamén afecta á administración local, a administración universitaria, en parte, aos órganos instrumentais das administracións anteditas e aos órganos estatutarios, salvo nas cuestións específicas que se regulan nas súas propias leis de creación”.

Por último, o presidente da Xunta resaltou que Galicia será unha das primeiras comunidades en adaptar o Estatuto básico do empregado público: “Concretamente -aseverou-, a nosa autonomía convértese na terceira comunidade de España que adapta a lexislación estatal e fai unha normativa autonómica no ámbito das súas competencias e cumprindo a lexislación básica do Estado”.

Pola súa banda, a conselleira de Facenda, Elena Muñoz Fonteriz, destacou que esta normativa será unha lei “de vangarda, pensada para o século XXI”. Tamén incidiu en que permitirá “modernizar e racionalizar” a Función Pública e incidir na súa profesionalización e na dos seus empregados, e ao mesmo tempo servirá para acadar unha xestión “mellor e de máis calidade”.