D. Ángel Maldonado Rodríguez, ex-rexedor terceiro de Veracruz e presidente da Asoc. Isabel Zendal Veracruz-México foi o convidado de honra dun acto ao que tamén asistiu un amplo número de representantes locais, comarcais e autonómicos
Xusto o mesmo día que se cumpren 215 anos da partida da fragata María Pita do porto da Coruña coa expedición filántropica para a erradicación da varíola polo novo mundo, o Concello de Ordes colocou a primeira pedra do que será o seu centro sociocumunitario. Unha nova infraestrutura que leva o nome non só dunha das principais protagonistas desta grande xesta da sanidade pública universal, senón tamén o da máxima representante das enfermeiras ao longo de todo o mundo, Isabel Zendal. Veciña natural da parroquia de Parada da que, precisamente tamén hoxe, se cumpren dous anos do seu nomeamento como filla predilecta de Ordes.
Para tan importante momento o Concello contou cun convidado de honra, o licenciado Don Ángel Maldonado Rodríguez. O O ex-rexedor terceiro de Veracruz, municipio irmandado dende outubro de 2017 con Ordes, e actual presidente da Asociación Isabel Zendal en Veracruz-México estivo acompañado en todo momento pola súa dona, Nadia Piana, así como pola súa filla Antonella.
Ao acto acudiron un bo número de autoridades e representantes institucionais tanto a nivel local, comarcal e autonómico. Ovidio Rodeiro, Delegado Territorial da Xunta de Galicia; Perfecto Rodríguez Muíños, xerente do Consorcio de Benestar Galego do Servizo de Igualdade e Benestar; Pilar Farjas e Berta García, presidenta e vicepresidenta da Asociación Isabel Zendal (A Coruña); Roberto Rey, presidente da Mancomunidade de Municipios da Comarca de Ordes, Eduardo Veiras e José Liste, concelleiros de Oroso e Trazo respectivamente;Juan Ruesta Botella, coronel do Terzo Norte de Infantería da Mariña e Ferrol; Francisco Javier Jambrina Rodríguez, coronel da Garda Civil da Coruña; Jesús del Río Caamaño, capitán de Tráfico; Severino Álvarez, secretario xeral de AGADER; Antonio López Mariño, investigador e figura clave na difusión da Expedición Filantrópica da Vacina contra a Varíola do Doutor Balmis; Xesús Pedreira, ex-concelleiro do Concello de Ordes e promotor do recoñecemento de Isabel Zendal como filla predilecta de Ordes e presidente de honor da Asociación Isabel Zendal Veracruz-México. Membros do Goberno local ademais dun bo número de concelleiros da corporación, familiares de Isabel Zendal, veciños e veciñas do municipio, así como representantes de distintos colectivos, empresas e asociacións ordenses tampoco perderon a oportunidade de participar neste evento.
Edificio novidoso
Ana Soneira calificou ao novo centro como “novidoso” e no que “se ofertará un amplo abano de actividades, ademais de concentrarse nel a atención social que se brinda aos diferentes colectivos”. Unha infraestrutura para unha sociedade “que presenta unha seria crise demográfica e na que un dos principais desafíos, tanto para o presente como para o futuro, non só pasa por avanzar en materia de conciliación senón por unha correcta atención ás persoas maiores”. Soneira aproveitou para agradecerlle á Xunta de Galicia o apoio económico recibido para este proxecto e criticar atrancos “como impedir que a Deputación subvencione o equipamento da instalación”
‘Novo Mundo’
A presidenta da Asociación Isabel Zendal (A Coruña), Pilar Farjas, aproveitou o seu turno para ensalzar a importancia da primeira enfermeira en expedición internacional segundo o establecido pola Organización Mundial da Saúde (OMS) xa no ano 1950. Ademais fixo entrega dun exemplar do libro “Novo Mundo” que precisamente presentaría dúas horas máis tarde. Unha obra que vai especialmente dirixida ao público infantil e na que se lles explica quen foi Isabel Zendal.
Pola súa banda Xesús Pedreira lembrou os primeiros pasos dados dende o Concello de Ordes e dende a agrupación socialista que encabezaba daquela para conseguir o nomeamento de Isabel Zendal como filla predilecta.
Ovidio Rodeiro, delegado territorial da Xunta agradeceu “as xestións do alcalde de Ordes para facer unha realidade este novo edificio que centraliza todos os servizos sociais”. Apelou ao exemplo de Isabel Zendal “para camiñar da man, axudar e traballar polos que máis o precisan e poder así atender eficazmente as necesidades das persoas”. Rodeiro lembrou tamén a inxustiza histórica “por manter a Isabel Zendal no esquecemento durante dous séculos”.
A intervención de Ángel Maldonado estivo centrada no irmandamento dos municipios de Ordes e Veracruz y en las reglas establecidas por ambos para que este acuerdo y este vínculo siga operando y no se quede en una simple foto”. Maldonado fixo alusión ao traballo emprendido en prol do establecemento de becas para estudiantes co fin de que poidan realizarse intercambios formativos. Reafirmouse no seu compromiso para que se faga xustiza “y que la Historia le brinde el reconocimiento y el mérito que esta mujer se merece. Una mujer que si llegara a fallar en su viaje habría supuesto la muerte para mucha gente”.
Tras o descubrimento da placa conmemorativa por parte de Ana Soneira e Ángel Maldonado todos os intervintes máis Perfecto Rodríguez Muíños, xerente do Consorcio de Benestar Galego do Servizo de Igualdade e Benestar, asinaron no libro de actas.
O centro sociocomunitario Isabel Zendal estase a construir na rúa Campomaior e a súa apertura está prevista para o verán de 2019. O seu orzamento total ascende a 719.999,89 €, dos cales o Consorcio Galego de Servizos de Igualdade de Benestar (Consellería de Política Social) achega 360.000 €.
Polivalente
A edificación constará de catro andares e un semisoto, onde se concetrará a actividade de servizos sociais municipais. O seu uso vai dirixido a xente de todas as idades e, entre outros aspecto, a súa optimización como ben público virá do seu carácter e funcionalidade polivalente. Así poderá albergar tanto actividades lúdicas, como formativas, culturais, sociais etc, prevalecendo de maneira especial a atención social que se lles brinda aos diferentes colectivos. Unha infraestrutura que dará resposta ás necesidades de ocio e doutro tipo tanto ás persoas de idade avanzada como ás que presentan algún tipo de diversidade funcional.