O delegado territorial da Coruña reuniuse cos representantes municipais de Serra de Outes e Noia para presentarlles o proxecto
O delegado da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, reuniuse co alcalde de Noia, Santiago Freire e coa alcaldesa de Serra de Outes, María Beatriz Molinos para presentarlles o proxecto, que hoxe mesmo se licitou, para renovar e mellorar a Ponte Ceilán na AC-550 (Cee-Ribeira) sobre o río Tambre, no límite entre os concellos de Outes e Noia.
O obxecto da obra é e substituír as varandas das dúas marxes da ponte, que se atopan deterioradas, para mellorar a seguridade dos peóns. O delegado territorial sinalou que “estas obras permitirán aos viandantes transitar pola ponte con moita máis seguridade e contribuirán a embelecer o entorno”.
Os traballos iniciaranse coa retirada dos restos de musgo e plantas existentes nos bordos exteriores do taboleiro, mediante auga a presión. Segundo apuntou o delegado territorial, “esta limpeza é fundamental para poder levar a cabo a correcta execución dos traballos posteriores”.
Ademais, está prevista a retirada das varandas das dúas marxes da ponte. A continuación, se aplicará morteiro para tapar os ocos e aplicarase un tratamento de impermeabilización na parte superior da imposta.
Unha vez rematados estes traballos previos procederase á instalación de novas varandas de aceiro galvanizado. En total, colocaranse máis de 1.100 metros de varanda renovada para cubrir a extensión de todo a viaduto que ten 535 metros de lonxitude.
Ovidio Rodeiro informou que “o custe deste proxecto é de 204.548 euros e está previsto que as obras rematen nun prazo de dous meses dende que se proceda a súa adxudicación”. Asimesmo, apuntou que”durante a duración das mesmas está previsto que se compatibilicen a execución e o mantemento do tráfico rodado e só se procederá a establecer desvíos provisionais se fose necesario de forma puntual”.
Ponte Nafonso
Ovidio Rodeiro tamén lle trasladou aos representantes municipais que a Xunta de Galicia aprobou a redacción dun proxecto para levar a cabo un estudo para a renovación e posta en valor da Ponte Nafonso, un ben catalogado patrimonialmente, entre os mesmos municipios de Serra de Outes e Noia, na AC-196. Este proxecto estará rematado nos vindeiros meses para poder proceder a súa licitación e posterior execución.
As obras previstas consistirán na substitución do pavimento e da varanda existente, a limpeza da ponte, a mellora da iluminación e a instalación de paneis informativos e carteis de localización.
Neste senso, destacou “a importancia deste tipo de actuacións nas pontes porque as rehabilitacións integrais prolongan a súa vida útil e poñen en valor o que son xa elementos representativos do patrimonio e da historia dos concellos galegos”.