Thursday 21 de November de 2024

San Sadurniño, Moeche, Cerdido e Valdoviño impulsan un centro comarcal de transformación alimentaria


A Casa do Concello de Moeche acolleu este mediodía a sinatura do convenio de colaboración entre San Sadurniño, Moeche, Cerdido e Valdoviño para a posta en marcha dun centro de transformación de produtos alimentarios na antiga nave dos queixos do recinto feiral de San Ramón. O proxecto de ámbito comarcal busca facilitarlle á pequena produción un espazo con todo o equipamento necesario para a conservación e envasado de produtos de horta, froita, zumes e mesmo mel. Os catro consistorios expresaron esta mañá o seu compromiso coa iniciativa, que ten un custe estimado próximo aos 200.000 euros entre a maquinaria e as obras de remodelación da nave. A intención dos promotores é obter financiamento de fondos europeos a través do LEADER xestionado polo grupo Seitura 22.

A orixe do proxecto está nunha iniciativa da área de Desenvolvemento local de San Sadurniño, que levaba xa tempo dándolle voltas á idea de facilitarlles aos produtores e produtoras da zona un lugar no que puidesen preparar todo tipo de elaborados a partir do que dá a terra. “Temos convenios coa Casa do Mel, coa asociación agroecolóxica A Cortiña e coa AGFA do Eume e a raíz das actividades que desenvolven en colaboración co Concello fomos detectando que existía esa necesidade, que hai pequenos produtores excedentarios interesados en buscarlle novas saídas ao que cultivan pero que non poden asumir o investimento necesario”, comenta o responsable da concellaría, Manolo Varela.

Porén, a iniciativa -na que se leva traballando case dous anos- batía cun inconveniente: San Sadurniño non dispuña de ningún espazo axeitado sequera para levalo ao papel nun proxecto técnico. Aí foi onde entrou en xogo Moeche ofrecendo como emprazamento a antiga nave dos queixos, nun momento en que o consistorio está “apostando polo recinto de San Ramón como punto de referencia para a reactivación do comercio de proximidade e de todo o que ten que ver co medio rural”, apunta Beatriz Bascoy.

O espazo -actualmente en desuso- dispón de máis de 200 metros cadrados de superficie practicamente diáfana, aínda que requerirá obras de acondicionamento para acoller o centro de procesado de produtos agroalimentarios, entre elas a reparación integral do edificio e a renovación completa do sistema eléctrico e da fontanería.

O proxecto técnico apunta a que este apartado terá un custe de 97.913 euros, aos que cómpre engadirlle outros 103.204 para equipamento. Manolo Varela explica que o centro está concibido en tres apartados “un para a elaboración de conservas, que poden ser de horta e de froita, outro para a produción e envasado de zumes e, por outro lado, unha sala de extracción e envasado de mel cunhas boas condicións”.

Na práctica será unha pequena planta de transformación e envasado de alimentos dotada de todo o necesario para garantir a calidade do produto final e unha absoluta seguridade alimentaria. “Dentro haberá un autoclave, cámara frigorífica, un tanque de lavado, unha zona de procesamento, unha deshidratadora, etiquetadora, prensa, espazo de almacén e incluso un grupo electróxeno especial”, enumera Beatriz Bascoy, quen destaca que a vocación “comarcal” do centro “nisto estamos implicados San Sadurniño e Moeche, pero tamén Valdoviño e Cerdido, que viron con bos ollos a idea desde o primeiro momento en que lle falamos dela, ademais de ter tamén moitos pequenos produtores que acoden ás nosas feiras e que tamén estarían interesados en facer aquí as súas elaboracións”.

Sobre os usos futuros, Manolo Varela indica que o centro estará aberto ao uso “por parte de particulares ou xente que teña rexistro para vender ao público”. De feito, as condicións que reunirán as instalacións “virán solucionarlle os requisitos sanitarios a calquera que queira preparar excedentes para consumo propio ou a quen queira botar a andar na transformación alimentaria”, engade Beatriz Bascoy.

Tanto Bascoy como Varela destacan a “situación estratéxica” do futuro centro no recinto feiral de San Ramón, onde hai mercados todos os sábados -nunha nave rehabilitada a escasos metros- e feiras os días 11 e 23, polo que a infraestrutura non só permitirá transformar produtos “para darlles maior valor engadido en circuítos de proximidade”, senón que tamén se beneficiará do tirón comercial dos eventos que hai ao longo do mes.

Este mediodía, os rexedores de Moeche, San Sadurniño e Valdoviño rubricaron na casa consistorial modestina o acordo de cooperación no que tamén entra Cerdido -que asinará mañá-. Beatriz Bascoy, Secundino García e Alberto González visitaron trala firma do convenio a antiga nave que se prevé reconverter en centro de procesado alimentario, acompañados de técnicos municipais e do responsable de Desenvolvemento local en San Sadurniño, Manolo Varela.

Hai o compromiso municipal, hai un sitio idóneo e tamén está cuantificado e reflectido en dúas memorias valoradas todo o que hai que facer para levar a cabo o proxecto. Para iso os catro concellos acordaron dirixirse ao GDR Seitura 22, xestor dos fondos do LEADER, presentando unha solicitude formal de axuda para a liña non produtiva da anualidade 2019, coa que se podería cubrir ata o 80% do orzamento solicitado.

“Somos catro concellos rurais e témolo todo ben definido e argumentado en relación co desenvolvemento do rural, coa posta en valor de recursos e produtos propios, coa diversificación da economía local e coa creación de novas oportunidades laborais”, comenta Manolo Varela, confiando en que o GDR “puntúe a iniciativa coa máxima nota”. Por outra banda, Beatriz Bascoy tamén explica que a intención das catro administracións locais tamén é acudir a “outras institucións públicas e privadas” para alcanzar a porcentaxe non cuberta polo LEADER.

Unha vez que se obteña o compromiso financieiro, os municipios elaborarán o plan de xestión, para o que se procurará a colaboración de entidades do territorio. Ademais tamén se preparará unha ordenanza reguladora que fixe os servizos ofertados e as taxas que aseguren o seu sostemento económico como servizo público sen fins de lucro.