Saturday 16 de November de 2024

Ovidio Rodeiro visita o CEIP Monte Neme en Carballo onde educación acometeu unha ampliación cun investimento de 735.000€


O delegado territorial da Xunta visitou o centro que agora conta cunha nova edificación de 600 m2 para os novos ciclos formativos medio e superior da familia de Administración

O delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, visitou o CEIP Monte Neme tras o remate das obras que a Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional acometeu no IES Monte Neme en Carballo. En total, a Xunta realizou un investimento de 735.000 euros neste centro educativo que conta con 507 alumnos e 61 docentes.

As obras contemplaron a construción dunha nova edificación de 600 metros cadrados para dar cobertura aos alumnos dos novos ciclos formativos medio e superior da familia de Administración. Ademais deste proxecto, a Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional investiu noutras actuacións de mellora neste mesmo centro outros 155.000 euros nos últimos anos.

Ovidio Rodeiro destacou que “esta obra é a máis importante que se está realizando na comarca e permite dar resposta a gran demanda de formación que existe nesta concello e na súa contorna ampliando a oferta de FP”. “O que buscamos dende a Xunta de Galicia é ofrecer unha formación de calidade nas mellores condicións posibles”, recalcou.

Neste senso, apuntou que “con este novo módulo dentro do recinto para albergar os espazos necesarios para impartir os novos graos o instituto queda perfectamente organizado cos edificios cos que pasará a contar definitivamente, situándose cada ensinanza nun deles. Desta forma damos resposta ás demandas da comunidade educativa e da dirección do centro”.

A construción de planta baixa contén catro aulas de entre 72 e 73 metros cadrados de superficie, equipadas para 30 postos informáticos, aseos masculinos, femininos e adaptado a minusválidos, sala para reunións do profesorado, accesos e corredor de distribución, e ademais os locais técnicos necesarios para tódalas instalacións de electricidade, rede de datos, calefacción, ventilación, etc. Todo isto suma unha superficie útil de 500,30m2 e unha superficie construída de 573,40m2.

No proxecto de ampliación contempláronse ademais algunhas actuacións de reforma en locais do edificio dedicado a secundaria e bacharelato, para acondicionar a biblioteca, unha aula de música, unha aula de plástica e a aula de tecnoloxía. Tamén se recolle a reforma dun pequeno local, na nave de talleres, ademais da substitución dos canlóns de cuberta e dos faldóns traslúcidos da mesma, para solucionar algún problema de filtracións de auga cara ao interior.

Así no edificio principal mantense toda a ensinanza secundaria e o bacharelato; no edificio de talleres, dadas as súas características fabriles e a importancia e cantidade de maquinaria coa que se conta, queda situado o ciclo de mecanizado da familia de fabricación mecánica; nun edificio anexo de construción xa posterior aos dous anteriores quedarán definitivamente instalados os ciclos da familia de electricidade e electrónica; mentres que no edificio actualmente en construción situaranse os espazos necesarios para os ciclos da familia de administración e xestión.

O complexo conta ademais cun pavillón polideportivo para as ensinanzas de educación física da secundaria e do bacharelato. A parcela contará por tanto finalmente con cinco edificios diferenciados e especializados.

Todas as obras de rehabilitación integral enerxética e funcional dos centros escolares forman parte do Plan de Dotación de Infraestruturas Educativas 2016-2020, dotado cun orzamento de 118,5 millóns de euros para este período.