Friday 22 de November de 2024

A Xunta inviste máis de 80.000 euros en axudas a equipamentos nas escolas infantís nos concellos de Cabana, Cerceda e Corcubión


O delegado territorial da Xunta, Ovidio Rodeiro, visitou a Escola Infantil de Corcubión que recibe unha achega de máis de 24.000 euros

O delegado territorial da Xunta, Ovidio Rodeiro informou da orde de axudas para obras de mellora, accesibilidade, adquisición de novo equipamento e para a integración das novas tecnoloxías nas aulas das escolas infantís municipais que beneficiaron a 28 concellos da provincia da Coruña dos cales 3 son da comarca de Bergantiños-Costa da Morte, concretamente os concellos de Cabana de Bergantiños, Cerceda e Corcubión. Esta liña de axudas obtén financiamento por parte do Programa Operativo Feder Galicia 2014-2020.

O representante do goberno autonómico fixo este balance durante unha visita á escola infantil de Corcubión que se veu beneficiada por estas axudas. Concretamente, coa subvención concedida de máis de 24.000 euros levarase a cabo obras menores de adecuación e mellora do edificio para optimizar os espazos. Ademais, cubrirase de caucho a zona exterior e se renovarán carpintería, portas, mobiliario e tamén se adquirirá equipamento novo para o centro para incorporación das novas tecnoloxías á aula e novo material didáctico.

A Escola Infantil Municipal de Corcubión comezou o seu funcionamento en setembro de 1986. A súa titularidade é de carácter municipal e impártese un só nivel educativo, primeiro ciclo da Educación Infantil. Consta dunha soa unidade con alumnado de un a tres anos, ata un máximo de 15 usuarias/os por xornada. Presta por tanto un servizo de día de carácter educativo ademais de ser unha importante medida de conciliación para as familias usuarias.

Na provincia de Coruña, esta liña de axudas financiou actuacións en 28 centros de atención á infancia de 0 a 3 anos. Para estas obras a Consellería de Política Social aporta 505.774 euros e 30.425 os concellos.

Esta liña de axudas está dirixida ás corporacións locais que teñan en funcionamento unha escola infantil 0 a 3 ou un punto de atención á infancia da súa titularidade, ou aquelas que unicamente dependan da dotación do equipamento preciso para o desenvolvemento da actividade para seren postos en marcha no curso 2018/19. En concreto, mediante esta orde fináncianse obras menores de adecuación e mellora das infraestruturas dos centros de atención á primeira infancia, así como obras novas de escasa contía que melloren a accesibilidade ou doten o edificio de servizos necesarios.

Así mesmo, asúmese a adquisición e mellora do equipamento do centro, incluída a compra de mobiliario interior e exterior e de material didáctico e de xogo. Por último, a liña atende tamén á dotación de conexión á internet e compra de dispositivos para a integración das novas tecnoloxías na aula, tales como ordenador, encerado dixital, gravadoras, cámaras de vídeo ou similares.

Ovidio Rodeiro explicou que “a liña de axudas pode alcanzar ata o 100 % do investimento cunha contía máxima por cada centro de 20.000 euros para as actuacións destinadas á realización de obras e de 15.000 euros para a compra de equipamento e mais á integración das novas tecnoloxías na aula”. En resumo, cada concello pode percibir ata un máximo de 35.000 euros, con independencia do número de centros para os cales presentara solicitude.

Ovidio Rodeiro avanzou que o orzamento de 2019 contempla, por cuarto exercicio consecutivo, o mantemento desta liña de subvencións por un montante global de 712.000 euros. Deste xeito, as novas contas de Política Social para o vindeiro ano “amosan a vontade da Xunta de Galicia de mellorar a calidade de vida das familias galegas ofertando os mellores recursos de conciliación para os seus fillos e fillas”, recalcou.

A atención á infancia e o apoio ás familias é unha prioridade para o conxunto do Goberno galego e ten o seu reflexo no presuposto de 2019, no que esta área aumenta as súas partidas nun 8% en comparación con este ano ata acadar os 143 millóns de euros. Esta maior marxe orzamentaria permitirá consolidar, ademais das ordes de axudas para investimentos de mellora en escolas infantís, outras medidas que forman parte do Programa de apoio á natalidade (PAN Galicia) como son os bonos Coidado e Concilia, as Casas Niño ou a posta en marcha de novas escolas infantís en contornas laborais.