O investimento total desta nova infraestrutura cun marcado carácter social ascende a 720.000 €, en gran parte sufragados pola Consellería de Política Social. D. Ángel Maldonado Rodríguez, ex-rexedor terceiro de Veracruz de presidente da Asoc. Isabel Zendal Veracruz-México convidado de honra
Este vindeiro venres ás 17 horas está prevista a colocación da primeira pedra do que será o edificio sociocomunitario Isabel Zendal. Un acto ao que teñen confirmada a súa asistencia distintas autoridades e representantes de diversos ámbitos. Ademais da alcaldesa en funcións, Ana Soneira, e dos demais integrantes do Goberno local, estará tamén o licenciado Don Ángel Maldonado Rodríguez, acompañado das súas dona e filla, Nadia Piana e Antonella Maldonado Piana respectivamente.
O ex-rexedor terceiro de Veracruz, municipio irmandado dende outubro de 2017 con Ordes, e actual presidente da Asociación Isabel Zendal en Veracruz-México, atópase estes días de visita en Galicia como convidado de honra polo Concello de Ordes. Cómpre salientar o labor e esforzo levado a cabo por D. Ángel Maldonado Rodríguez para a exaltación da figura de Isabel Zendal, así como no proceso de irmandamento de ambos os municipios. motivo polo que xa no 2016 visitara tanto a Ordes como á parroquia de Parada, lugar de nacemento da primeira enfermeira en expedición internacional segundo a OMS.
Representantes
Outros nomes propios destacados que teñen confirmada a súa asistencia son: Ovidio Rodeiro, Delegado Territorial da Xunta de Galicia; Perfecto Rodríguez Muíños, xerente do Consorcio de Benestar Galego do Servizo de Igualdade e Benestar; Pilar Farjas e Berta García, presidenta e vicepresidenta da Asociación Isabel Zendal (A Coruña); Juan Ruesta Botella, coronel do Terzo Norte de Infantería da Mariña e Ferrol; Francisco Javier Jambrina Rodríguez, coronel da Garda Civil da Coruña; Jesús del Río Caamaño, capitán de Tráfico; Severino Álvarez, secretario xeral de AGADER; Antonio López Mariño, investigador e figura clave na difusión da Expedición Filantrópica da Vacina contra a Varíola do Doutor Balmis; Xesús Pedreira, ex-concelleiro do Concello de Ordes e promotor do recoñecemento de Isabel Zendal como filla predilecta de Ordes e presidente de honor da Asociación Isabel Zendal Veracruz-México. Tamén estarán presentes neste momento familiares de Isabel Zendal, veciños e veciñas do municipio, así como representantes de distintos colectivos, empresas e asociacións ordenses.
O centro sociocomunitario Isabel Zendal situarase na rúa Campomaior e a súa apertura está prevista para o verán de 2019. O seu orzamento total ascende a 719.999,89 €, dos cales o Consorcio Galego de Servizos de Igualdade de Benestar (Consellería de Política Social) achega 360.000 €.
A edificación constará de catro andares e un semisoto. Terá unha clara vocación interxeracional dentro dun espazo polivalente no que se desenvolverán distintas actividades lúdicas, formativas e sociais e no que se concentrará a atención social que se lles brinda aos diferentes colectivos. Unha infraestrutura que dará resposta ás necesidades de ocio e doutro tipo tanto ás persoas de idade avanzada como ás que presentan algún tipo de diversidade funcional.