Friday 22 de November de 2024

Moeche recibe en Oviedo o distintivo de “Cidade Amiga da Infancia”


 

O Pazo de Exposicións e Congresos de Oviedo acolleu hoxe a entrega dos VIII Recoñecementos Cidades Amigas da Infancia, cos que se premia o compromiso das administracións locais cos dereitos da infancia e, máis que nada, a súa aposta por implicar este colectivo na vida pública e na toma de decisións. Moeche foi un dos 114 concellos do Estado que obtiveron este ano o distintivo por primeira vez. Á cerimonia de entrega acudiu a alcaldesa, Beatriz Bascoy, quen agradeceu “o esforzo conxunto” da rapazada, da comunidade educativa do CEIP San Ramón, da ANPA e do persoal técnico “que fixeron posible esta recompensa tras dous anos de intenso traballo”.

Porén, o selo outorgado pola UNICEF tamén significa “asumir responsabilidades e ter que traballar duro”, apunta Bascoy para referirse ao feito de que se ben o percorrido ata aquí “requiriu moito esforzo de todas e todos” será a partir de agora cando toque “continuar andando o camiño iniciado”. Cómpre ter en conta que o recoñecemento acadado non é para sempre, senón que deberá ser refrendado dentro de catro anos “demostrando que seguimos sendo merecentes do título que nos acredita como Concello Amigo da Infancia”, precisou a alcaldesa.

Moeche embarcouse nesta carreira de fondo hai case tres anos, cando empezou a darlle forma á idea. Porén, foi en agosto de 2017 cando o pleno municipal acordou adherirse ao selo da UNICEF. Dous meses despois aprobouse a configuración que tería o Consello Local da Infancia e a Adolescencia -CLIA- e maila Mesa de Coordinación Interna de Participación Infantil, encargada de estruturar participación e de levar ao papel tanto a diagnose da situación de partida como o plan de actuacións, nutrido en boa parte polas achegas expresadas nos plenos polos nenos e nenas.

Un dos últimos pasos deste traxecto foi a constitución formal do CLIA -máximo órgano de representatividade das nenas e nenos do municipio- o pasado mes de xullo. O consello quedou formado por 9 persoas adultas -membros do goberno, dos grupos políticos, da ANPA e profesorado do CEIP San Ramón- e 10 rapaces e rapazas con idades comprendidas entre os 8 e os 16 anos quen, ademais, tamén integran o Grupo Municipal Infantil. Este último vén sendo un órgano executivo que se reúne mensualmente para achegar ideas e demandas do colectivo ou para solventarlle dúbidas ao propio Concello sobre como orientar políticas e actuacións dirixidas á infancia e a mocidade.

Hai unhas semanas coñeceuse a decisión de UNICEF Comité Español e outras entidades responsables -Ministerio de Sanidade, Consumo e Benestar Social, FEMP e o Instituto Universitario de Necesidades e Dereitos da Infancia e a Adolescencia- de elixir a candidatura de Moeche como unha das 114 novas Cidades Amigas da Infancia. Un selo que, neste momento, só ostentan 274 dos 8.124 municipios que hai en todo o Estado. En Galicia tamén accederon á distinción Cabanas, Carnota , Ourense, O Porriño, Redondela, Teo e Tomiño.

O presidente de UNICEF Comité Español, Gustavo Suárez Pertierra, agradeceulles aos municipios “o compromiso político coa infancia a medio e longo prazo, e o camiño de transformación real emprendido por e cos nenos e nenas”. Suárez Pertierra asegurou que “a implementación da Convención sobre os Dereitos do Neno é un deber de todas as administracións do Estado e por iso a nosa aspiración e vocación é que todos os municipios deste país aposten por cumprila”.

O evento, ao que asistiron unhas 500 persoas, contou coa presenza do alcalde de Oviedo, Wenceslao López; a conselleira de Servizos e Dereitos Sociais do Principado de Asturias, Pilar Varela; a presidenta de UNICEF Comité Principado de Asturias, Mª José Platero; a directora do IUNDIA, Mª dos Ángeles Espinosa; o alcalde de Navia, Ignacio García, en representación da FEMP; o presidente de UNICEF Comité Español, Gustavo Suárez Pertierra; o vicepresidente primeiro de UNICEF Comité Español, Juan Ramón García- Secades, e os presidentes dos comités autonómicos de UNICEF Comité Español.

En representación de Moeche asistiu Beatriz Bascoy quen, tras recoller o diploma acreditativo, expresou a súa “inmensa satisfacción” porque un municipio “pequeno e rural coma o noso” fose capaz de levar adiante un proxecto “dunha grande trascendencia social de cara ao futuro”. A este respecto Bascoy volveu insistir en que o “realmente importante” é a posta en marcha de mecanismos participativos “que veñen darlle voz e poder decisorio á rapazada”, cuestión esta última “fundamental” para fortalecer o sentemento de pertenza dos nenos e nenas ao seu territorio e á colectividade da que forman parte.