A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda organiza varios talleres formativos sobre a axeitada xestión deste residuos e cunha marcada orientación socio laboral
A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda invitou a varios centros penitenciarios e entidades sociais a participar nos talleres formativos para a preparación para a reutilización de aparellos eléctricos e electrónicos. A primeira actividade ten lugar hoxe nas instalacións do CRD Medelo de Silleda, onde 14 usuarios dos centro recibirán información sobre a axeitada xestión deste tipo de residuos.
Así, ata decembro, celebraranse un total de 9 talleres en cinco entidades sociais dedicadas á persoas con discapacidades e catro centros penitenciarios, onde se celebrarán estas actividades baixo a denominación Os residuos como oportunidade RAAE.
O inicio do taller no CRD Medelo terá continuidade co taller no centro Aspanane (29/11/2018), o da Asociación de discapacitados activos A Xanela (30/11/2018), no CRD Mos (10/12/2018) e en Aspronaga (11/12/2018). Asemade, no mes de decembro, celebraranse os talleres nos centros penitenciarios de Monterroso, Teixeiro, Pereiro e A Lama.
Estas accións teñen unha clara vertente ambiental, para a redución de residuos, nas que se explicará a importancia da prevención, a correcta xestión dos residuos unha vez xerados, así como o impacto ambiental asociado, tanto na produción deste aparellos, como cando pasan a ser residuos (RAEE). A outra vertente é a socio-laboral, xa que a formación que reciben pode servir como orientación básica cara a unha saída profesional para ambos colectivos como grupos cunha maior dificultade de inserción laboral.
Os participantes recibirán unha serie de sesións orientativas nas que se incidirán na formación en materia de xestión e preparación para a reutilización destes residuos xerados a raíz dos aparellos eléctricos e electrónicos.
Actualmente, en Galicia xéranse un total de 54.000 toneladas ao ano deste tipo de residuos, o que supón unha media de 20 quilos de residuos por persoa. Gran parte dos mesmos, poderían regresar ao ciclo produtivo aplicando un programa de preparación para a reutilización que contemple a súa comprobación, limpeza e reparación, de xeito que se permita a reutilización destes elementos sen ningunha outra transformación previa. Na actualidade, o sector de xestión de residuos representa un 27% do total catalogado coma Emprego Verde. Estimase que unhas 1.000 toneladas de RAEE xeren uns 200 postos de traballo na procura da súa preparación para a reutilización.
Por último, a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, no marco de actividades previstas no Plan de Residuos Industriais de Galicia (PRIGA), está a elaborar un programa formativo específico destinado aos axentes implicados na xestión de residuos de aparellos eléctricos e electrónicos (RAEE) e outras figuras. Esta iniciativa busca xerar conciencia sobre a necesidade de preparar para reutilizar todos aqueles compoñentes de aparellos eléctricos e electrónicos desbotados que poidan ter unha nova vida, reducindo así a cantidade de residuos industriais xerados na Comunidade galega e posibilitando a apertura de novas oportunidades laborais.