Friday 22 de November de 2024

300 patinadores e patinadoras danse cita esta fin de semana  no IV Trofeo de Patinaxe Artística Concello de Ordes


Participarán deportistas de todas as categorías, ademais de varios campións nacionais e europeos que ofrecerán unha exhibición o domingo

Esta vindeira fin de semana terá lugar o IV Trofeo Concello de Ordes de Patinaxe Artística, no cal participarán unha vintena de clubs chegados dende as provincias da Coruña, Ourense e Lugo. Ao longo de todo o sábado e o domingo 300 patinadores e patinadoras saltarán á pista do pavillón Castelao I para deleitar ao público cos seus saltos, xiros, piruetas e equilibrios. Deportistas de todas as idades englobados dende as categoría de iniciación ata a absoluta.

O programa arrancará o sábado ás 9.30 e finalizará ás 20.30 horas, mentres que o domingo será dende as 10 ata as 20 horas. Este último día haberá unha exhibición por parte de tres campións. Unai Cereijo, campión de Europa e de España alevín; Luca Yáñez, campión de España infantil; e Paula Rey, terceira no Campionato de Europa na categoría alevín.

Nesta cuarta edición do Trofeo Concello de Ordes de Patinaxe Artística os clubs e equipos chegados de Ourense e Lugo son Aehede e Anca respectivamente. O maior número dos que loitarán polo trofeo virán da provincia da Coruña e son os seguintes: Ágora, Axel, Boiro, Brincadeira, Uxaina, Brión, Inercia, Liceo, Omega; Oroso, Patriart, Puebla, Sarela, Velúa, Compañía de María, Conxuro, Ribeira, Escolas Lubiáns e o Club Galia.