Alejandro Manteiga explica que “este proxecto conectará a futura rotonda da N-550 coa estrada de Carballo e permitirá solucionar moitos problemas de tráfico na vila de Ordes”
A Agrupación Socialista de Ordes presentará emendas aos Orzamentos da Xunta de Galicia para 2019 por un importe de 5,935.000 euros. Así o acordaron os militantes socialistas ordenses nun encontro coa deputada autonómica Begoña Rodríguez Rumbo, que estivo acompañada polo voceiro municipal, Alejandro Manteiga, e pola secretaria xeral da Agrupación Socialista de Ordes, Elvira Rodríguez Recouso.
Alejandro Manteiga lamentou que a Xunta de Galicia leve toda a lexislatura facendo oídos xordos ás xustas demandas dos veciños e veciñas de Ordes. “Non só leva anos sen arranxar as fendas dos depósitos de auga e sen arranxar a potabilizadora, senón que tampouco atende outras necesidades da veciñanza de Ordes que non requirirían de moito gasto, como sería dotar ao centro de saúde do servizo de radioloxía e dun heliporto, ou os 10.000 euros para a xestión e mantemento do Museo do Traxe Juanjo Liñares”.
Rodríguez Rumbo confirmou que “tras analizar os orzamentos, Ordes non aparece por ningures” e constatou que “ano tras ano, as necesidades que lle trasladamos á Xunta son as mesmas, porque fai caso omiso e rexeita todas as emendas que presentamos. Dous bos exemplos son o arranxo da ETAP e dos depósitos de Reboredo. Son necesidades urxentes pero para a Xunta non son importantes”.
Rolda suroeste
A Agrupación Socialista de Ordes acordou pedir un novo proxecto nesta ocasión: a rolda suroeste, que uniría a N-550 coa estrada AC-413 Ordes-Carballo. Un proxecto valorado en 4,5 millóns de euros e que “permitiría solucionar moitos problemas de tráfico na vila de Ordes e mellorar a calidade de vida dos veciños e veciñas”, indica o voceiro municipal socialista. O novo vial sairía da futura rotonda que o Ministerio de Fomento vai executar na N-550 e transcorrería por detrás do IES Nº1 e do punto limpo de O Valado para conectar coa estrada a Carballo á altura da súa intersección coa DP-5903.
Así mesmo, os socialistas ordenses reiteran a súa petición de 800.000 euros para a reparación dos depósitos de auga de Reboredo. Así, Elvira Rodríguez explica que “as fendas nos depósitos medran ano a ano e o Concello de Ordes está a utilizar un depósito de decantación para parchear o problema. Ese depósito de decantación foi construído para tratar a auga cando vén moi revolta, non para funcionar como depósito de almacenamento de auga”. Así mesmo, os socialistas ordenses solicitarán outros 500.000 euros para ampliar, mellorar e conservar a potabilizadora, petición aprobada por unanimidade no pleno de outubro de 2015 e que non foi atendida pola Xunta.
Os socialistas tamén volverán pedir os 100.000 euros precisos para incorporar a radioloxía dixital ao centro médico de Ordes. “Unha petición que a Xunta vén denegando dende hai catro anos a pesar de que sería un importante servizo para a nosa veciñanza, que non tería que desprazarse ata Santiago”, explica Alejandro Manteiga. Unha petición á que por segundo ano consecutivo se engade a do heliporto, cifrado nuns 21.000 euros. Finalmente, os socialistas volverán solicitar os 10.000 euros para a xestión e o mantemento do Museo do Traxe Juanjo Liñares.