Monday 25 de November de 2024

O Concello de Ordes iniciará esta semana as obras de construción do novo parque infantil cuberto


 

Situarase no Campo da Feira e tamén contará con outras zonas para rapazada de distintas idades. O proxecto supera os 190.000 € de orzamento

O Concello de Ordes ten previsto iniciar esta semana as obras de construción do novo parque infantil situado no Campo da Feira. Concretamente estará a carón da pista multideporte. O primeiro paso será o de dotar a zona da infraestrutura necesaria para a instalación dos elementos proxectados segundo as idades dos usuarios e usuarias para quen está pensada esta nova zona de ocio. O orzamento total de licitación ascende a 190.723,72 €.

A área contará no seu conxunto cun valado de malla metálica electrosoldada e con pregas de reforzo que, ademais de permitir o seu peche pola noite, suporá unha maior seguridade para a rapazada que faga uso da instalación. Tamén en prol da seguridade colocarase un pavimento de caucho reciclado para absorber os impactos e evitar lesións.

A zona infantil contará, ademais, cunha ampla cuberta de aceiro e de placas translúcidas, o que permitirá dispoñer dun espazo onde resgardarse das inclemencias meteorolóxicas sen necesidade de ter que renunciar ao xogo e á diversión. Deste xeito dáse resposta a unha das demandas veciñais máis repetidas nos últimos anos, xa que a día de hoxe en ningún lugar da vila ordense se conta cunha instalación similar para os nenos e nenas. Algo realmente necesario se se ten en conta a gran cantidade de días que en Ordes se rexistran precipitacións.