Saturday 16 de November de 2024

Máis dun cento de persoas participaron na cuarta edición da Andaina contra a Violencia de Xénero de Lousame


 

Máis de 35 mulleres participaron onte sábado na primeira das dúas sesións do “Curso de defensa persoal e autocapacidade para mulleres e mozas”, impartido pola Federación Galega de Loita

Máis dun cento de persoas participaron na cuarta edición da Andaina contra a Violencia de Xénero, na que tomaron parte a alcaldesa de Lousame, Teresa Villaverde, e a concelleira de Igualdade, Silvia Agrafojo. Antes de saír, a concelleira explicou que “con esta andaina culminamos un mes de novembro de actividades de concienciación contra a violencia de xénero, tanto charlas formativas como cursos de defensa, para amosar o noso rexeitamento contra a lacra da violencia de xénero”.

Agrafojo defendeu a importancia de seguir conmemorando o 25 de novembro e realizar actividades de concienciación entre a sociedade, “aínda que haxa quen diga que so serven para saír na foto, dende Servizos Sociais seguiremos traballando para facer actividades coma esta, no colexio, na casa da cultura… e seguiremos facendo o que podemos, que son pequenas cousas para loitar contra a violencia de xénero”.

Ataviadas cun chaleco reflectante coa mensaxe “Lousame contra a violencia de xénero, polo respecto”, as persoas participantes saíron do polideportivo municipal Pilar Barreiro Senra pasadas as 11:30 horas para percorreren unha ruta circular por camiños singulares e visitando tamén parte do rico patrimonio lousamiá, como os muíños de Maxide. A expedición partiu con media hora de atraso sobre o horario previsto xa que era preciso contabilizar ás 97 persoas participantes (por unha cuestión de seguros, aínda que afortunadamente non houbo ningunha incidencia), que estiveron acompañados en todo momento por outra ducia de persoas, entre técnicos do Concello e membros de Protección Civil de Lousame.

O tempo acompañou, incluído o frío desta época que se combateu cunhas bragas violetas coa lenda “Engánchate ao bo trato!”, agasalladas polo Concello de Lousame canda o chaleco. As fortes choivas do sábado non prexudicaron o percorrido, se ben na revisión efectuada ás 8:00 horas polo técnico de Deportes, Germán Romero, decidiuse evitar pasar por un pequeno tramo que estaba encharcado. O camiño estaba convintemente marcado, de xeito que cada grupo de persoas fixo os 8 km ao seu ritmo, sempre acompañados por voluntarios e membros de Protección Civil de Lousame. Ao rematar a andaina, todas as persoas participantes repuxeron forzas a base dunha chocolatada con rosca no polideportivo municipal.

Defensa persoal

Por outra banda, na tarde de onte sábado tivo lugar a primeira das dúas xornadas do “Curso de defensa persoal e autocapacidade para mulleres e mozas”, organizado polo Concello de Lousame, a Secretaría Xeral da Igualdade e a Federación Galega de Loita. Un curso que tivo lugar no ximnasio do CPIP Cernadas de Castro e no que participaron 33 mulleres, que estiveron acompañadas pola concelleira de Igualdade, Silvia Agrafojo.

Durante as catro horas formativas de onte, as participantes recibiron unha primeira hora de formación para saber como actuar diante dunha agresión, dende movementos de defensa ata o emprego dun certo tipo de aerosois que poden incapacitar ao agresor durante máis dunha hora. Unhas técnicas de autodefensa que posteriormente practicaron sobre as colchonetas dispostas no ximnasio do colexio. A segunda e derradeira sesión terá lugar o próximo sábado 1 de decembro, de 16:00 a 20:00 horas.