O Concello de San Sadurniño inviste 37.000 euros na nova infraestrutura, financiados na súa maioría cunha axuda do Fondo de Compensación Ambiental
A subministración de auga en toda a rede municipal de San Sadurniño estivo interrompida durante a noite de onte e parte da madrugada de hoxe. O motivo do corte foi o traballo de conexión da nova canalización que baixa desde a potabilizadora da Agra de Arriba até Vilafiúnce, dentro do proxecto de reforzo do abastecemento tanto para esta zona como para a de Cornide. A obra executada nos últimos meses tivo un custe de 37.490€ e financiouse con cargo ao Fondo de Compensación Ambiental. A infraestrutura vén mellorar a subministración nos domicilios máis afastados do centro urbano, pero tamén evitará ter que cortar a auga en toda a rede cando haxa que facer algunha reparación.
A infraestrutura soterrada percorre algo máis de 1.200 metros de distancia. Baixa desde os depósitos da potabilizadora da Agra de Arriba ata cruzar a estrada provincial que vai a Santa Mariña do Monte e, desde ese punto, continúa pola Agra de Abaixo en paralelo á pista ata chegar a Vilafiúnce, que ata agora se abastecía da condución que vén pola beira da estrada de Pedroso.
O novo ramal de abastecemento ten como primeiro obxectivo favorecer un maior caudal e presión nos lugares polos que pasa, algo que se consegue cunha condución de 90 mm. de diámetro acompañada dun entramado de tubaxes conectados a el que, ademais, permiten sectorizar a zona da Agra, do Campo da Feira e de Vilafiúnce no caso de que se produza algunha avaría. Así, se houbese unha rotura ou se precisase algunha reparación, non será necesario cortar a auga en toda a rede, senón só nas proximidades da parte afectada.
Se puidesemos ver toda a obra desde arriba observaríamos que, a grandes trazos, o que se fixo foi pechar un grande círculo coas tubaxes da subministración de auga municipal, coa finalidade de continuar ampliando a rede e de facela máis eficiente. Ademais, a conexión en Vilafiúnce da nova canalización co cabo da rede actual tamén lle dará maior capacidade de subministración a Cornide, algo que notarán as vivendas máis elevadas do lugar.
A obra -executada por Construcciones Saavedra y López- finánciase con cargo a unha asignación de 34.280 euros procedentes da liña non competitiva do denominado Fondo de Compensación Ambiental xestionado pola Xunta de Galicia. Este fondo nútrese dos cartos que pagan as empresas eólicas por cada muíño de vento e polas liñas de evacuación da enerxía que teñan instaladas no territorio. A finalidade das actuacións subvencionadas debe estar relacionada co ambiente, coa sostenibilidade ou o mellor aproveitamento dos recursos.