Saturday 16 de November de 2024

Feijóo avanza que Galicia contará cunha Axenda Dixital Post-2020 que incluirá un polo GAIÁS-DIXITAL e un comité de INTELIXENCIA ARTIFICIAL


Afirma que esta ferramenta contextualizará a estratexia europea no ámbito dixital no noso contorno, para aproveitar a posición que a transformación dixital terá no novo marco de financiamento europeo 21-27

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, avanzou hoxe que Galicia empezará a traballar na Axenda Dixital Post-2020, que contará cun polo Gaiás-Dixital e cun Comité de intelixencia artificial. “Estamos a falar dunha ferramenta para contextualizar a estratexia europea no ámbito dixital no noso contorno, para aproveitar a posición que a transformación dixital terá no novo marco de financiamento europeo 21-27 e aproveitar os avances dixitais experimentados na Comunidade”, explicou.

Durante o acto de inauguración da Mobile Week, Feijóo precisou que esta estratexia contará con tres obxectivos: reforzar o papel de liderado do sector público para buscar respostas novas ao desafíos actuais e futuros, empregando todo o potencial da tecnoloxía; impulsar a capacitación de novos perfís especializados adaptados aos cambios no mercado laboral e atraer talento dixital; e aproveitar o potencial das novas tendencias tecnolóxicas fomentando o emprendemento e o crecemento das ideas.

Nesa estratexia, aseverou que o polo Gaiás-Dixital será o nodo rexional de referencia nas redes transeuropeas e permitirá abrir portas cara á compartición de infraestruturas tecnolóxicas no marco do mercado dixital único que promove a Unión Europea.

Así mesmo, e para analizar o potencial que se atopa na intelixencia artificial, capaz de impulsar novos modelos de traballo ou de prestar servizos públicos, subliñou que se creará un comité de expertos en diferentes disciplinas que permitirá unha análise rigorosa que calibre as oportunidades de aplicación e desenvolvemento e as medidas lexislativas nas que cómpre adiantarse.

“Queremos que Galicia teña voz nas tendencias tecnolóxicas de futuro”, dixo, subliñando que o Consello da Xunta aprobou o Plan Galicia 5G e acaba de constituír un nodo rexional de cooperación con tres multinacionais e un operador público 5G.

Ao longo da súa intervención, o responsable do Executivo autonómico subliñou que a Axenda dixital de Galicia permitiu: máis conectividade, a través dunha lei galega que apoia estas infraestruturas e un investimento que en 2020 superará os 250 millóns de euros, o que converte a comunidade na terceira autonomía con mellor cobertura 4G; unha Administración máis dixital, que se consolidará coa aprobación nos próximos meses da Lei de Administración dixital; e unha educación máis dixital, con equipamento dixital en todas as aulas, desde quinto de primaria ata bacharelato.

Nesta liña, referiuse tamén aos avances nos novos modelos de coidados no fogar; á Rede dixital de emerxencias, que integra no mesmo sistema todos os colectivos de emerxencias e seguridade; ou á construción da Memoria Dixital de Galicia.

Feijóo incidiu en que o Goberno galego leva tempo comprometido co sector TIC, que concentra máis de 3.400 empresas e dá traballo a case 22.000 persoas na Comunidade. Sobre este punto, destacou tamén a importancia de eventos como a Mobile Week Coruña e insistiu no interese de Galicia por estar presente nos retos relacionados con esta materia.