Friday 22 de November de 2024

A Xunta de Galicia explica aos promotores inmobiliarios da Coruña as medidas e axudas en materia de rehabilitación


O director xeral do Insttituto Galego de Vivenda e Solo participou nunha xornada organizada por Aproinco, na que detallou as medidas do Goberno galego en materia de rehabilitación de vivendas

A Xunta de Galicia conta con diferentes medidas e axudas en materia de rehabilitación, que converten a esta materia no eixo central da política pública de vivenda. Así o puxo de manifesto esta mañá o director xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS), Heriberto García Porto, nunha xornada sobre as axudas ao alugueiro e a rehabilitación, organizadas pola Asociación Provincial de Promotores Inmobiliarios da Coruña (Aproinco). O director do IGVS trasladou que en 2019 Galicia contará con 68 millóns de euros para rehabilitación de vivendas e edificios residenciais.

García Porto detallou na súa intervención as actuacións directas de rehabilitación que leva a cabo o IGVS con fondos propios, coa rehabilitación e actuacións en materia de eficiencia enerxética en vivendas de promoción pública, ademais do Programa Rexurbe, no marco do cal este organismo adquire inmobles en conxuntos históricos para a súa rehabilitación e posterior incorporación ao parque público de vivenda en alugueiro propiedade da Xunta de Galicia.

Por outra parte, o IGVS achega aos particulares e comunidades de propietarios axudas para a rehabilitación de vivendas, con programas destinados á rehabilitación enerxética, conservación e mellora da seguridade e accesibilidade, axudas para instalacións de ascensores, axudas para a rehabilitación e mellora de vivendas incluídas no Programa de Vivendas Baleiras e axudas para rehabilitación de vivendas en catástrofes como os incendios forestais de outubro de 2017 o a explosión pirotécnica de Paramos, en Tui.

Os concellos tamén son perceptores de axudas do IGVS para a rehabilitación de vivendas, a través das liña de rehabilitación de vivendas de mestres, outros oficios e outros inmobles de titularidade municipal, ou o Fondo de cooperación, a través do cal se poden financiar sen xuros actuacións municipais ou as axudas para infravivenda rural.

Finalmente, o director xeral do IGVS destacou a importancia das Áreas de Rehabilitación Integral, a través das cales reciben axudas tanto os propietarios de vivendas e as comunidades de propietarios como os propios concellos. Os propietarios e comunidades reciben axudas para a rehabilitación dos edificios e vivendas e os concellos para a realización de actuacións de urbanización e reurbanización no ámbito das ARI, ademais de axudas para o financiamento das oficinas municipais de rehabilitación.

Actualmente en Galicia están declaradas 69 áreas de rehabilitación, xunto coa área de rehabilitación dos Camiños de Santiago, o que supón que un total de 128 concellos galegos, máis do 40 por cento do total) dispoñan al menos dunha área de rehabilitación integral.

Por outra parte, o director xeral do IGVS explicou aos asistentes á xornada os principais aspectos do anteproxecto de Lei de Rehabilitación e de Rexeneración e Renovación Urbana de Galicia, que se atopa en tramitación e pretende facilitar a rehabilitación das vivendas e edificios de vivendas existentes en Galicia respectando todo o que debe ser protexido, fomentando a cultura da rehabilitación e impulsando a dinamización económica, social e demográfica en ámbitos como os conxuntos históricos galegos.