Saturday 16 de November de 2024

A rapazada de Moeche reparte vacinas contra a violencia


 

Hoxe celébrase o Día Internacional da Infancia. Unha data que vén reivindicar os dereitos dos nenos e nenas nun mundo convulso polas guerras, polas desigualdades, pola fame e por outras moitas circunstancias que ameazan o seu desenvolvemento pleno como persoas. En Moeche, a rapazada do CEIP San Ramón leva semanas traballando nos preparativos desta celebración, para a que se uniron á proposta de preparar unha vacina simbólica que meta no corpo de toda a sociedade o antídoto contra a violencia. Unha campaña que culminou pouco despois do mediodía cunha recepción na Casa do Concello onde leron un pequeno manifesto que vén resumir todas as actividades desenvolvidas nas aulas. Ademais, aproveitando a cita, tamén se reuniu o Consello Local da Infancia e a Adolescencia na que foi a súa primeira xuntanza tras coñecerse o recoñecemento para Moeche como Concello Amigo da Infancia por parte de UNICEF.

56 nenas e nenos dos distintos cursos do CEIP e o seu profesorado ateigaron o un salón de plenos presidido pola alcaldesa, Beatriz Bascoy, quen lles explicou polo miúdo cales son as funcións do CLIA como órgano de participación onde se toman todo tipo de decisións. De feito, a rexedora repasou algúns dos acordos adoptados nos últimos meses polo seu grupo executivo -o Grupo de Participación Infantil-, como por exemplo as cores coas que se pintará o peche do centro de ensino -que lucirá coma un arco da vella-, a escolla do modelo dos novos xogos que se instalarán no patio, a elección dun logotipo para identificar o consello ou a denominación que levará a rúa principal do centro urbano que, se é ratificada no pleno, adoptará o nome de “Rúa 23 de abril”.

Acordos que se tomaron por votación entre varias propostas posto que, segundo Bascoy, “aquí todo se vota”. Xunto con estas resolucións que agora o Concello deberá levar á práctica, o Grupo de Participación tamén sondou a mocidade para saber das súas preferencias en canto a programación cultural e deportiva. Do traballo saíron a idea dun torneo de fútbol para o verán, a recuperación de clases de hípica apoiadas pola asociación ecuestre 23 de Abril ou un obradoiro sobre manexo de drons.

A alcaldesa debullou o labor do CLIA e do Grupo de Participación Infantil co obxectivo de espertar o interese da cativería presente na sala por integrarse no proxecto e no movemento público do municipio. E como exemplo desa implicación proxectouse o vídeo da intervención de Carlos Bouza no VI Foro de Participación Infantil Parlamento de Galicia-Unicef que tivo lugar na sede do Hórreo a semana pasada. O rapaz presentouse voluntario para falar e para facer unha reflexión sobre a igualdade, “que é algo que non se compra, senón que se consegue día a día”. O encontro produciuse pouco despois de que se dese a coñecer a elección de Moeche como Concello Amigo da Infancia por parte do organismo dependente da ONU. “Dos 8.000 concellos que hai en España, 114 recibiron o recoñecemento e en Galicia só 8. Ademais de ser un orgullo, isto significa que temos que seguir traballando para implicarvos na vida municipal”, dixo Beatriz Bascoy.

Na segunda parte da recepción no salón de plenos, os nenos e nenas da escola leron o manifesto con motivo do 20 de Novembro, Día Internacional da Infancia. Da lectura encargáronse Carlos, Aroa e Beatriz despois de que toda a comunidade educativa traballase nas últimas semanas sobre o concepto da violencia e como erradicala, empregando para iso o material didáctico da propia UNICEF e o fío condutor dunha vacina “para protexernos e protexer á nosa contorna do violentovirus Catro Patas”. Un medicamento que nin se inxecta nin se toma, senón que se pensa e que só é efectivo cos compromisos expresados no manifesto: “ser bo compañeiro e compañeira, non pegar, axudar ás demais persoas, intentar comprender os problemas alleos…”. A carta que se leu na sala de sesións tamén formula peticións de “solidariedade, respecto e axuda” dirixidas ás persoas responsables “de protexer os nosos dereitos”.