Ana Soneira e José Luis Martínez Sanjurjo mantiveron recentemente un encontro con José González Vázquez no que abordaron os procesos de concentración parcelaria en diversas parroquias, a dotación de novos equipamentos e a execución de distintas obras de especial Nestes últimos días a alcaldesa en funcións do Concello de Ordes, Ana Soneira, e José Luis Martínez Sanjurjo mantiveron unha reunión de traballo co conselleiro de Medio Rural, José González Vázquez. Un encontro que tivo lugar no seu despacho de San Caetano e no que se abordaron diversos proxectos relacionados coas infraestruturas e equipamentos no ámbito rural do municipio. Non foi o único xa que os distintos procesos de reestruturación parcelaria foron outros dos aspectos nos que se afondou neste encontro.
Concretamente falouse da elaboración dos títulos de propiedade das concentracións parcelarias Buscás II, Vilamaior-Barbeiros II e Montaos II. Os representantes locais tamén solicitaron maior celeridade no avance das de Beán-Pereira II, Mercurín-Lesta II e Parada II, solicitándolle ao titular autonómico que se entreguen os máximos posibles de cara á entrada do vindeiro ano. A concentración de Poulo foi outro dos temas relevantes deste encontro. Concretamente falouse da súa adaptación á nova Lei de Mellora da Estrutura Agraria de Galicia (METAGA). Tal e como destacou no encontro Martínez Sanjurjo “trátase dun compromiso adquirido por parte do Presidente da Xunta, e da anterior conselleira, que visitou o lugar e se entrevistou coa veciñanza no ano 2017 logo dunha primeira petición formulada no ano 2015”.
Pozos
No que se refire ás infraestruturas e equipamentos fíxose un repaso á situación dos trece pozos proxectados para as zonas de Montaos, Vilamaior, Beán, Pereira, Parada, Leira e Lesta. Destes oito xa están en execución e outros cinco pendentes da súa adxudicación. Tanto os proxectos como as autorizacións sectoriais foron tramitados polos servizos urbanísticos do Concello de Ordes.
Tamén se abordou a construción da ponte sobre o río Cabrón (Trillán-Ordes), cuxo proxecto xa foi presentado. Unha ponte situada na zona de concentración parcelaria de Buscás II, e cuxo orzamento ascende a 43.097,43. Por outra banda, Ana Soneira comprometeuse a presentar o novo proxecto de obra para a ponte de Pereira (Buscás-Ordes) ao longo das vindeiras semanas.
Por último tamén se falou da próxima entrega dun tractor con rozadora lateral e arrastrada para poder elaborar un plan de limpeza realista da totalidade de estradas da rede municipal.