Denuncian que nos últimos 5 meses houbo catro denuncias na comarca polo intento de chantaxe e posterior difusión de vídeos eróticos de adultos sen o seu consentimento
Máis de medio cento de veciños e veciñas de Lousame asistiron na noite de onte a unha charla sobre redes sociais e ciberseguridade, impartida por un membro da Garda Civil de Boiro dentro do Plan director para a convivencia e a mellora da seguridade nos centros educativos e as súas contornas. Unha charla que foi presentada pola alcaldesa de Lousame, Teresa Villaverde, e a concelleira de Servizos Sociais, Silvia Agrafojo.
Villaverde Pais explicou que “para manexar algo, hai que coñecer como funciona. Ao igual que se colles un coche sen carné, sen saber conducir e sen coñecer os sinais nin nada te podes esnafrar; as redes sociais son un medio polo que te podes comunicar pero tamén tes que saber a maneira de que os nosos fillos e fillas estean protexidos”. Pola súa banda, Agrafojo indicou que esta charla “está incluída dentro do programa Educando en Familia no que, ademais da formación gratuíta ás familias con nenos de 0 a 3 anos, tamén imos organizar o próximo venres outra charla sobre como falar de sexualidade cos nosos fillos e fillas”.
Ciberseguridade
Durante dúas horas, e tras unha pequena introdución aos riscos de Internet e consellos para que os menores naveguen con seguridade, poñente e público estableceron un animado debate sobre experiencias propias e consellos para tratar cos máis pequenos. “Os menores cada vez se conectan máis tempo. Debemos marcar un horario de conexión e unhas pautas a seguir”, aconsellou, chamando a atención sobre que “os menores xa non están tanto en Facebook, marcharon a Instagram. E os perigos son os mesmos que para os adultos, pero multiplicados porque publican moitos datos e sábese todo o que fai unha persoa no seu día a día. E pode sabelo calquera persoa porque o que importa é ter seguidores, polo que se admiten se coñezan ou non”.
Neste sentido, insistiu en que hai riscos comúns para adultos e menores na Internet polo que aconsellou a instalación dun antivirus en todos os dispositivos (móbil, tablet, portátil…), utilizar contrasinais seguras (aconsellando que leven cando menos unha maiúscula, un número e un caracter especial como #, @, € para que sexa máis difícil de piratear) e realizar compras seguras, usando métodos de pago seguro como PayPal ou tarxetas monedeiro, nunca por transferencia porque “se é un timo e fas unha transferencia, eses cartos están perdidos”. Tamén alertou coas páxinas de compra-venda, insistindo en non enviar documentación persoal; e coas páxinas de contactos e redes sociais, facendo fincapé en non facer vídeos por skype que nos podan causar problemas.
Neste sentido, fixo especial fincapé na desconexión da webcam e mesmo tapala cunha tirita para non deixar rastro de pegamento na lente para evitar ser gravado/a sen sabelo. Neste sentido, explicaron que na comarca se deron 4 casos nos últimos catro ou cinco meses de persoas que foron gravadas en vídeos de contido erótico, que foron chantaxeadas e, ao non cumprir, os seus vídeos foron enviados a todos os contactos do Facebook desa persoa. “O gran problema é que isto tamén se pode facer a menores”, alertou o poñente.
Sobre os consellos para os menores na Internet, dende a Garda Civil instaron aos presentes a construír cando os pequenos unhas regras para navegar por Internet e, cando se inician, navegar e chatear con eles para xerar confianza. Tamén insistiron na necesidade de fixar un horario, evitando que se conecten pola noite, e utilizar os sistemas de control parental dispoñibles e gratuítos.
Uns consellos e recomendacións que todos os presentes puideron levar para as súas casas ao rematar a charla, durante a que moitas nais e pais explicaron os problemas aos que se enfrontan cos seus cativos, na súa maioría rapaces e rapazas de entre 10 e 13 anos que están todo o día colgados do móbil ou da videoconsola.