Á sección oficial presentáronse 1.300 curtas, das que se seleccionaron 40 que serán proxectadas entre o 30 de novembro e o 6 de decembro e competirán por 9.200 euros en premios e polo pase á final dos Goya
O alcalde de Noia, Santiago Freire, e o concelleiro de Cultura, José Pérez, presentaron a XIX Mostra de Curtas de Noia, que terá lugar entre o 30 de novembro e o 8 de decembro. Un certame ao que se presentaron 1.300 curtas á Sección Oficial, das que se seleccionaron 40 para que poidan ser vistas polo público que acuda a Noia os días 30 de novembro, 4, 5 e 6 de decembro.
“Estas corenta curtas competirán por 9.200 euros en premios”, explicou José Pérez, quen recoñeceu que “nos dous últimos anos estamos tendo moita máis afluencia de aspirantes, sobre todo dende que o gañador pasará á fase final dos Premios Goya”. Isto é así porque, por segundo ano consecutivo, a Mostra de Curtas terá a función de festival seleccionador dos Premios Goya, de xeito que o traballo premiado na categoría de ficción pasará directamente á final dos galardóns outorgados pola Academia das Artes e as Ciencias Cinematográficas de España.
Pola súa banda, Santiago Freire felicitou a José Pérez e a todas as persoas que fan posible a XIX Mostra de Curtas de Noia “porque non é doado incorporar novidades e cousas novidosas e o están facendo de marabilla”. Neste sentido, o alcalde asegurou que “seguro que a XIX Mostra de Curtas será todo un éxito, pois é un certame consolidado e que traslada unha positiva imaxe de Noia ao exterior, tal e como estamos promovendo este ano coas actividades do 850 aniversario”.
Presentación nacional
José Pérez anunciou que “estamos tendo todos os anos unha premier e este ano imos acoller a presentación nacional de “Pequeñas coincidencias”, unha serie de Atresmedia Studios e que será emitida por un xigante como é Amazon na súa plataforma. Para nós supón dar un salto cualitativo e xa convidamos a vir ao director xeral de Amazon para que coñeza o que se están facendo en Noia”.
“Pequeñas coincidencias” é unha serie creada e dirixida por Javier Veiga, que será a primeira serie española que Amazon, que a emitirá a través da plataforma Amazon Prime Vídeo. A presentación, á que está confirmada a asistencia de Javier Veiga e Marta Hazas, terá lugar o xoves 6 de decembro.
Documentais
O concelleiro de Cultura tamén chamou a atención sobre a presentación no festival de dous documentais relacionados coa vila: “Idénticas”, de Luís Avilés; e “Mestre de campións”, de Miguel Barreiro, ausente na presentación de hoxe, e que se desenvolve nun coñecido ximnasio de Noia. Pola súa banda, Luís Avilés explicou que o seu documental “é froito de máis de dous anos de traballos no que recollemos a vida de Cayetana e Celia, así como dos seus pais, Loló e Edu, e de como se enfrontan día a día a unha enfermidade dexenerativa como a heteroplaxia ósea progresiva”.
O cineasta noiés explicou que “pretendo que se coñeza o día a día desta familia e como é o mundo das enfermidades ultrarraras”, anunciando que “despois da súa estrea en Noia, tamén o presentaremos noutros festivais e tamén poderá ser utilizada pola Asociación Gallega de Heteroplasia Ósea Progresiva nas súas actividades”. Un traballo que agradeceu o alcalde noiés, quen se amosou convencido de que “este documental suporá un impulso para que a xente se achegue e coñeza o día a día deste tipo de patoloxías e da importancia da solidariedade”.
Homenaxes
José Pérez tamén anunciou que o Premio Especial da Mostra de Curtas recaerá en Manuel Lourenzo, “que estaba moi emocionado e agradecido cando llo comunicamos”, e que se renderá unha merecida homenaxe a Ernesto Chao, “quen ademais de gravar en Noia unha serie como Pratos Combinados, tamén foi asistente, xurado e premiado desta mostra, polo que esta decimonovena edición tiña que levar o seu nome”.
Así mesmo, o concelleiro de Cultura de Noia adiantou que os presentadores da gala serán Pedro Brandariz, Carmen Méndez e David Amor; así como a inclusión de grupos de música de Noia para que toquen en directo durante os eventos. “Ademais, este ano contaremos cun artista internacional o día da gala, cuxo nome ides permitirme que me reserve”, indicou Pérez Martínez.
Finalmente, sobre o proxecto Curta Cativa, que favorece a asistencia de nenos e nenas dos distintos colexios da comarca para coñecer como se fai unha curtametraxe, José Pérez confirmou que “temos confirmada a asistencia de 8 colexios, o que suporá uns 300 nenos e nenas por días”. As sesións durarán entre hora e hora e media.