Monday 25 de November de 2024

O Pleno de Brión aproba por unanimidade un investimento de máis de 624.000 euros na mellora de seis estradas do municipio


O alcalde, José Luís García, salienta que “é o maior investimento que temos feito en Brión con fondos propios” e que “permitirá actuar sobre as estradas que máis tráfico soportan no concello”

O pleno municipal de Brión aprobou nunha sesión extraordinaria e urxente, un expediente de modificación de créditos que permitirá realizar un investimento de 624.462,35 euros na mellora do firme de seis estradas de titularidade municipal con cargo ao remanente de Tesourería. “Estamos falando do maior investimento que temos feito en Brión con fondos propios”, explica o alcalde, José Luís García.

O alcalde brionés destacou que “o Concello de Brión está nunha situación económica moi boa e decidimos utilizar o remanente en mellorar o firme das estradas que máis tráfico soportan no municipio”. A razón da urxencia da convocatoria radicaba “na necesidade de iniciar o procedemento para que as obras poidan comezar este ano e rematarse o ano que ven”, salientou José Luís García.

Descrición das obras

Así, o Concello de Brión investirá 137.027 euros na mellora do firme do camiño de Mourentáns a Pousada de Abaixo, por Forxán, de algo máis de 4 quilómetros de longo por 5,5 metros de ancho. Outros 72.000 euros serán para o camiño de A Igrexa a Vioxo, por Tourís, de 2,3 quilómetros de longo por 5 de ancho; mentres que no camiño de San Salvador ata o límite municipal con Ames, polo Outeiro, investiranse 86.000 euros na mellora dos seus 2,6 quilómetros de longo por 5 de ancho. Nesta estrada, a maiores, reconstruiranse dous redutores de velocidade tipo “lombo de asno”.

Tamén se mellorarán os 1,5 km do camiño de Ons a Salaño Grande, cun investimento de 43.000 euros para a extensión dunha nova capa de rodadura. A mesma actuación terá lugar no camiño de Bemil a Soutullos, por Bastavaliños, onde se mellorará o firme dos 1.945 metros do vial, con anchos variables entre os 5,2 e os 6, 8 metros. O investimento será de 85.000 euros. En todos os casos, a nova capa de rodadura contará con 5 centímetros de mestura bituminosa, previa reparación de fochancas e posterior limpeza de gabias e reposición da sinalización horizontal e vertical.

Finalmente, o Concello de Brión acometerá un pequeno arranxo no entronque da rúa Fonte coa Avenida dos Ánxeles (AC-300), unha actuación sobre unha superficie de 340 m2 e cun investimento de tan só 3.417 euros. “Será a solución definitiva aos problemas que da esta zona, que se se asfalta provoca que patinen os coches e se se pon rugosa non dura moito tempo”, indicou García, quen se amosou convencido de que “con esta actuación remataremos cos problemas que ocasiona esta zona”.

As obras contan cun prazo de execución de tres meses.