A Casa da Cultura de Lousame acollerá mañá sábado 17 de novembro, ás 18:00 horas, a actuación do mago Albert de Ribadavia, que presentará o seu show “O buhonero”. Trátase dun espectáculo baseado no oficio dos buhoneros, dirixido a todos os públicos e no que a participación das persoas asistentes será moi importante, conformando un show de maxia interactivo. A entrada é libre e de balde.
No espectáculo, baseado no gremio dos vendedores ambulantes, o mago Albert ofrecerá trucos moi variados con cordas, sedas, calcetíns… e moitos colaboradores de entre o público presente. A actuación está incluída no III Festimaxia Lousame, que organiza o Concello de Lousame coa colaboración da Deputación da Coruña.