Saturday 16 de November de 2024

Unha charla sobre os estandartes galegos abre este sábado en Moeche o Castelo de Sons 2018


Tres Pesos e Xoán Curiel serán as seguintes citas do programa

 

O programa Castelo de Sons naceu con dous obxectivos: por unha banda ampliar a oferta cultural do concello con espectáculos alternativos e, por outra, promover o castelo de Moeche como espazo vinculado ao lecer, a creación e o coñecemento máis aló do seu valor patrimonial. Tralo éxito das tres pasadas edicións, neste 2018 retomamos a programación con dúas propostas musicais en colaboración coa Rede Cultural da Deputación e unha interesante conferencia sobre o estandarte real galego impartida polo profesor Alexandre Peres. Será este sábado ás 19.30h. con entrada gratuíta.

O profesor e investigador da Universidade da Coruña achegaranos ás liñaxes do reino de Galicia en contraposición coa historiografía máis difundida, na que se obvia unha entidade sociopolítica de seu no período que vai desde o século IX até practicamente o século XIV. Consonte o título, “O estandarte Real galego. Orixe e evolución”, Peres fará unha aproximación aos símbolos empregados e como foron cambiando co tempo.

A charla comezará a iso das 19.30h. na sala de usos múltiples do castelo con entrada de balde e sen necesidade de inscrición previa. As que si haberá que pagar, aínda que ben pouco, son as dúas seguintes actividades do Castelo de Sons. Así, o sábado 24 e á mesma hora tocaralle ao grupo Tres Pesos. José Antonio Ferreira, Felisa Segade e Estevo Lamas fan música de raíz actualizada, tal e como reflicte o seu primeiro traballo, titulado “Acta fundacional”. O disco composto por nove temas supón unha verdadeira acta fundacional dunha formación que bota a andar como trío tralo paso dos seus compoñentes por outras agrupacións do país, sempre vencelladas á música e á cultura tradicional.

As entradas, a 2€ como prezo xeral. A rapazada menor de 16 anos, as persoas maiores de 65 e as titulares do Carné Xove só terán que pagar 1€. Os billetes, como é habitual, poden collerse directamente no castelo, aínda que ao ser o aforo limitado se recomenda retiralos por semana pasando polo Concello ou reservalos chamando en horario de mañá de luns a venres ao 981 404 006.

A última cita do Castelo de Sons está programada para o 15 de decembro cun concerto de Xoán Curiel acompañado de Iris Gey. Curiel é un dos nosos cantautores máis prolíficos, ademais de tocar tamén as artes escénicas. Desde que publicara en 2009 o seu disco “Nai”, van aló outros catro traballos: “Ecuacións”, “Magnético Zen”, “Estamos no verán!!” (con Charo Pita) e o máis novo, “A Casa do terror”, cada un co seu estilo pero sempre en galego. Nesta ocasión súmase ao Castelo de Sons cunha escolma de poemas cantados da literatura galega, entre eles varios de Martín Códax cos que Iris Gey e máis el lle porán unha acaída banda sonora aos muros centenarios da fortaleza. O prezo das entradas son tamén 2€ -1 euro con desconto- e aconséllase reservalos previamente.

Tanto o concerto de Gey e Curiel de decembro como o de Tres Pesos chegan a Moeche gracias á colaboración da Rede Cultural da Deputación da Coruña.