Aberta a toda a veciñanza, terá lugar ás 20:00 horas
A Casa da Cultura de Lousame acolle mañá venres 16 de novembro, ás 20:00 horas, unha charla sobre redes sociais e ciberseguridade que será impartida por persoal da Garda Civil dentro do Plan director para a convivencia e a mellora da seguridade nos centros educativos e as súas contornas. A entrada é totalmente libre e de balde.
A concelleira de Igualdade e Servizos Sociais, Silvia Agrafojo, explica que “o obxectivo principal desta charla é formar ás familias de Lousame na prevención do uso excesivo das redes sociais por parte dos seus fillos e fillas, así como darlles ferramentas para o control parental e a prevención dos riscos relacionados co emprego sen control da Internet”. De feito, para facilitar o acceso á charla, o Concello de Lousame ofrecerá ás familias participantes un servizo de canguraxe para menores (de 3 a 12 anos).
Esta charla é a primeira das iniciativas programadas polo Concello de Lousame para conmemorar o 25 de novembro, Día Internacional contra a Violencia de Xénero, e que inclúen unha ruta de sendeirismo, un curso de defensa persoal para mulleres e unha charla formativa sobre educación sexual na familia. Estas tres actividades son tamén de balde, se ben é preciso anotarse no Concello de Lousame, no teléfono 981 820 494 ou enviando un WhatsApp ao número 689 126 385 antes do 20 de novembro (defensa persoal e educación sexual) ou do 22 de novembro (andaina).