Thursday 21 de November de 2024

San Sadurniño licita unha nova rúa que comunicará o pavillón municipal co Centro de Saúde


O contrato sae a concurso por un importe de 90.000 euros financiados polo POS+

 

As empresas do sector da obra pública poden presentar ata o día 22 deste mes as súas ofertas para levar a cabo a construción dunha nova rúa que comunicará o pavillón municipal co Centro de Saúde pasando por diante do cemiterio. Trátase dun proxecto cuantificado en 90.000 euros co que o Concello pretende completar a trama urbana e mellorar a fluidez do tráfico nun punto que soporta moito movemento, especialmente polas mañás. O eixo viario terá dous carrís, unha lonxitude total de 143 metros, 10 de ancho medio, ademais dunha pequena zona de estacionamento xusto diante do camposanto.

O arranque da obra será xusto onde remata a pista sen saída que discorre paralela ao muro do colexio público. Desde alí continuarase baixando cun novo firme e unha beirarrúa xusto ata a caseta de Telefónica que hai fronte ao convento do Rosario, xusto na esquina do centro médico.

Tal e como reflicte o proxecto técnico, a infraestrutura ocupará parte do actual aparcadoiro, aínda que a diferente altura. Por iso será necesario facer un muro de contención xusto diante do cemiterio. Porén, malia que se perden algunhas prazas na antiga zona de estacionamento, estas recupéranse na zona de recheo superior, que igual que o resto da rúa irá aglomerada. Ademais do trazado para a circulación, os planos técnicos tamén inclúen canalizacións soterradas para augas fecais e da escorrentía da chuvia.

A vía que agora está en período de licitación finánciase con cargo ao POS+ da Deputación da Coruña. O prezo sinalado como base é de 90.307,95 euros, ive incluído, e as empresas construtoras que queiran optar a facerse coa obra deberán achegar as súas ofertas, como moi tarde, o 22 de novembro ás 23.59h.

O prazo de execución máximo son 3 meses, que seguramente se vexan rebaixados nas propostas técnicas das licitadoras. En calquera caso, unha vez que a rúa estea rematada, o tráfico rodado disporá dunha nova alternativa coa que se pretende desconxestionar tanto a circulación que hai puntualmente ao pé do colexio como aquela que se dá tamén no Centro de Saúde.

Por outra banda, a obra virá completar o desenvolvemento da trama urbana do centro de San Sadurniño, onde nestes momentos hai un proxecto en marcha para renovar as beirarrúas nun tramo de Marqués de Figueroa e en breve comezará outro para aglomerar toda esta avenida -do Campo da Feira ata a AC-862- e reurbanizala desde o centro escolar até máis alá da Capela do Belén. Cómpre lembrar tamén que o ano pasado se levou a cabo a reparación do camiño do Enxerto dotándoo tamén de beirarrúas e superficie aglomerada.

Tal e como comentou Secundino García, os tres proxectos que estarán en marcha simultaneamente nas próximas semanas -a nova rúa e os dous de Marqués de Figueroa- “daranlle un cambio ao núcleo urbano de San Sadurniño que se ha notar moito na mobilidade, tanto do tráfico como peonil, pero tamén se ha notar, e para ben, no aspecto xeral de toda a zona”.