Saturday 23 de November de 2024

Comezan en Moeche as asembleas parroquiais para definir os investimentos do próximo ano


 

O Concello retomará este xoves 15 de novembro a rolda de xuntanzas polas parroquias para intercambiar impresións coa veciñanza sobre o funcionamento dos distintos servizos públicos e sobre os investimentos e outras necesidades do territorio. A primeira cita será na Casa do Concello ás 19.30h. nun encontro ao que están chamados os veciños e veciñas da parroquia de San Xoán. Seguirán o venres á mesma hora en Abade, o luns en Santa Cruz, o martes en San Xurxo e finalizarán en Labacengos o mércores 21. As asembleas son abertas e con elas o Goberno local tamén busca recoller propostas para incluílas no orzamento municipal de 2019.

Tal e como comenta Beatriz Bascoy, “estamos ás portas do cambio de ano e cómpre deseñar un orzamento municipal que nos permita seguir transformando o concello. E para iso, nada mellor que escoitar todo o que a xente ten que dicir: pistas que requiren arranxos, alumeados públicos, servizos que se poderían poñer en marcha, cambios ou melloras na prestación doutros… todo ten cabida nas asembleas parroquiais, coa finalidade de construírmos entre todas e todos o Moeche que queremos”.

Neste sentido, as asembleas adoitan ser “un foro moi dinámico” no que xorden peticións de todo tipo, aínda que o maior número delas “refírese á ampliación ou reparación de servizos básicos”, asegura a rexedora recordando a experiencia de anos anteriores. Con todo, Bascoy volve insistir en que as reunións “están abertas a calquera achega, sempre que sexa asumible e que beneficie ao maior número de veciños e veciñas”.

Por outra banda, as xuntanzas tamén son “un espazo informal de fiscalización da xestión municipal”, dado que nelas se informa de iniciativas que están en marcha, sobre outras que se queren levar a cabo “e tamén ao respecto daquelas que acumulan algún tipo de retraso e polas que a xente pregunta”. Con todo, Beatriz Bascoy confía en que estas “sexan as menos”, posto que nestes momentos “estanse executando ou xa están en fase de licitación as actuacións de maior envergadura, das que daremos conta puntualmente en cada parroquia”.

As asembleas terán lugar nos centros sociais de referencia en cada parroquia e todas comezarán ás 19.30h. As datas e lugares concretos son os seguintes:

Parroquia                                   Data                              Lugar                                  Hora

San Xoán                    xoves 15 de novembro       Casa do Concello             Todas as xuntanzas serán ás 19.30h.

Abade                          venres 16 de novembro     Centro Cultural Francisco Piñeiro

Santa Cruz                 luns 19 de novembro          Antigo local electoral

San Xurxo                 martes 20 de novembro      Local social O Pereiro

Labacengos              mércores 21 de novembro    Local veciñal O Ventoeiro