Friday 22 de November de 2024

San Sadurniño volverá tinguirse de negro contra as violencias machistas


 

A sede do Concello de Santiago acolleu a sinatura do protocolo de colaboración para o desenvolvemento da campaña “En negro contra as violencias”. Un acto ao que asistiron a maioría das rexedoras e rexedores dos 102 concellos que participan este ano na iniciativa coa que pretende continuar avanzando de forma coordinada na sensibilización social e no traballo para levar á primeira liña política a erradicación da violencia contra da muller. Ademais de sumarse á campaña -na que tamén participan as deputacións da Coruña, Lugo e Pontevedra- San Sadurniño ten programadas outras actividades co gallo do 25N, día Internacional da eliminación da violencia contra da muller.

O Concello trasladou ao sábado 24 de novembro os actos centrais con motivo desta data sinalada no calendario para reivindicar o cesamento de todo tipo de maltrato e unha sociedade con igualdade plena de dereitos independentemente do xénero.

Así, a partir das 10.30h. comezará na Casa da Xuventude o VI Obradoiro de Autoprotección ante a violencia de xénero que ofrecerá na súa primeira parte unha charla sobre como identificar os signos do maltrato para logo, ás 12.15h. máis ou menos, comezar coa sesión práctica onde aprenderemos a manter baixo control un episodio violento e a repeler unha posible agresión.

Ofértanse 10 prazas, ademais dun servizo de conciliación para as participantes con fillas e fillos dunha idade entre 5 e 11 anos. É necesario inscribirse chamando ao 981 490 027 ext. 1 antes do 22 de novembro. Como remate da primeira parte do día, as participantes compartirán xantar.

Á tarde a actividade trasládase á Casa da Cultura, onde se debaterá a partir das 17.00h. sobre a violencia de xénero e os necesarios cambios que deben darse a nivel social e normativo para erradicala definitivamente.

Na palestra participarán Arantxa Domínguez e Margarita Dopico, dúas sobrevivintes do maltrato, xunto coa Fiscal de violencia de xénero do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia Pilar Fernández e a educadora social Noelia Rodríguez, quen moderará as intervencións.

Os actos finalizarán ás 18.15h. co espectáculo de danza “Entre nanas e cascallos”, dirixido por Xiana Vilas. Ademais, o recibidor da Casa da Cultura tamén acollerá durante a xornada a exposición “En Feminino”, da artista multidisciplinar Adolfina Mesa. Son catro obras acrílicas de pequeno formato que comparten como eixo temático a reafirmación feminina en contraposición co machismo e a violencia de xénero.

“En negro contra as violencias”
Xunto coa súa programación específica, este ano o Concello volve unirse á iniciativa compartida por outro cento de consistorios e as deputacións da Coruña, Lugo e Pontevedra co obxectivo de sensibilizar sobre as violencias que o machismo exerce contra da muller polo feito de ser muller. O compromiso de adhesión rubricárono esta mañá en Santiago a práctica totalidade de representantes municipais. En nome de San Sadurniño acudiu o responsable de Servizos Sociais, Suso Soto.

A campaña “En negro contra as violencias” busca, en último caso, que as accións de concienciación social se fagan de forma unitaria en todos os municipios participantes. Para iso hai deseñado material específico e tamén estratexias conxuntas de comunicación a través das redes. O lema fala de violencias en plural e non en singular, xa que son moitas as violencias que sofren as mulleres (e tamén as familias): físicas, psicolóxicas, desigualdades salariais, maior dificultade para acceder ao mercado laboral, etc., froito dun patriarcado tradicional e cultural que cómpre desterrar da sociedade.

Neste sentido, desde o Concello convídase á veciñanza a que se comprometa coa loita de varias maneiras. A primeira delas é non mirar para outro lado e calar se se coñecen casos de violencia, a segunda -e non por iso menos importante- brindándolle apoio ás mulleres vítimas nun camiño de ruptura coa súa situación que lles é difícil percorrer en solitario e, en terceiro lugar, mostrando a repulsa contra todo tipo de violencia machista. Un rexeitamento ao que se lle pode dar visibilidade nos próximos días pendurando en fiestras e balcóns as bandeiras negras deseñadas dentro da campaña. Quen se queira implicar pode descargar e imprimir a súa bandeira -xunto co cartel de “Espazo libre de violencias machistas” dirixido ás empresas e establecementos hostaleiros- ou ben pasar polo Concello e recoller alí unha copia xa impresa.

Os municipios implicados suscribiron esta mañá en Santiago o protocolo no que se recolle o seu compromiso de fomentar unha acción de sensibilización cidadá contra as violencias machistas no ámbito municipal, implicando para iso ao tecido económico, asociativo, educativo, deportivo, social e cultural, así como a toda a cidadanía, nunha resposta colectiva de rexeitamento da violencia de xénero e dos asasinatos machistas. Outro dos obxectivos do protocolo é o de identificar, transmitir e incidir nos comportamentos e expresións verbais que están detrás da violencia de xénero a través do uso de materiais de campaña específicos por parte da cidadanía, establecementos comerciais e axentes sociais. De feito, arredor de 6.000 empresas confirmaron a súa adscrición a #ennegrocontraasviolencias.

As estatísticas, con toda a súa frialdade, son claras sobre a urxencia de atallar o problema: desde 2003 ata outubro de 2018, o Instituto da Muller rexistrou 58 asasinatos machistas en Galicia e 966 no Estado. Estes datos fannos considerar que esta dramática realidade require dunha resposta unánime e firme de toda a sociedade, que poña de manifesto o rexeitamento social de todas as formas de violencia contra as mulleres.

Desde a área de Igualdade lémbrase que os Servizos Sociais municipais prestan apoio e acompañamento en todo momento para facerlle fronte a unha situación de violencia machista, ben sexa física ou psicolóxica, que debe ser denunciada. Para iso pódese acudir á Garda Civil ou chamar ao teléfono 016 onde se pode denunciar sen que a chamada deixe rastro na factura.