Friday 22 de November de 2024

A Xunta impulsa o emprendemento da mocidade nas áreas rurais para xerar oportunidades de emprego na comarca de Betanzos


 

Unha trintena de mozas e mozos participan nas Xornadas formativas sobre novas perspectivas de negocio no ámbito rural impulsadas pola consellería de Política Social

A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cecilia Vázquez, coñeceu de primeira man o proxecto empresarial Orballo, un referente autonómico na elaboración de produtos ecolóxicos. Esta firma coruñesa acolleu a visita dunha trintena de mozas e mozos participantes nas Xornadas formativas sobre novas perspectivas de negocio no ámbito rural, unha iniciativa impulsada pola Consellería de Política Social e que se desenvolve no marco do proxecto ‘Catalizador de oportunidades de emprego e emprendemento xove transfronteirizo’ (Lidera).

Desde hoxe ata o mércores, estas xornadas formativas poñerán en marcha diferentes actividades centradas nas novas perspectivas de negocio con cultivos alternativos no ámbito rural, coa finalidade de apoiar á formación e de achegar información á xuventude sobre as novas oportunidades que se erixen nas áreas rurais. Así, os 30 mozos e mozas participantes nesta iniciativa visitarán distintos proxectos emprendedores no territorio en sectores como a produción ecolóxica, vinícola, leiteira, de xeados e de transformados lácteos.

Pola súa parte, Cecilia Vázquez sinalou que esta iniciativa “impulsa a relación e integración da xuventude na realidade económica do territorio”. Así mesmo, destacou que con estas actividades o que se busca é “reforzar o coñecemento e poñer en valor as contornas rurais, que contan con un importante potencial para xerar novas oportunidades de emprego”. Para finalizar, a responsable autonómica trasladou o seu agradecemento á entidade Orballo pola súa aposta pola innovación e respecto pola tradición, así como pola a súa participación neste proxecto impulsado desde a Consellería de Política Social.

Encontro sectorial ‘Emprendemento en base a cultivos hortícolas’
Tamén no marco do proxecto Lidera, esta mañá a titular do departamento autonómico asistiu ao encontro sectorial ‘Emprendemento en base a cultivos hortícolas’ que tivo lugar no Espazo Xove de Curtis.

Neste encontro, Cecilia Vázquez recordou que o principal obxectivo é achegar á mocidade os novos procesos de produción dos cultivos hortícolas que poden aportar novas perspectivas de negocio. Neste sentido, destacou que cómpre poñer a disposición da mocidade “instrumentos que lle axuden a descubrir as novas oportunidades que ofrece o medio rural”, ao tempo que se segue a apostar pola xuventude como o maior activo do desenvolvemento local. Polo tanto, trátase de fomentar un espazo de relacións, de impulso á creación de sinerxías e de ampliación de información e coñecemento.

Ao abeiro do proxecto Lidera, nos vindeiros días descorrerán outros encontros sectoriais. Así, mañá martes, o Espazo Xove de Pontedeume acollerá o encontro ‘Obtención de maior valor engadido en producións agrarias e gandeiras’; no mércores terán lugar dous encontros: ‘Novos cultivos de viabilidade no medio rural’ no Espazo Xove de Betanzos e ‘Emprendemento no sector agrogandeiro e transformación agraria: casos de éxito’ no Espazo Xove de Vilalba; e o vindeiro mércores 21 de novembro terá lugar o encontro ‘A innovación como base de emprendemento: A Molinera, laboratorio de innovación dixital’ no Espazo Xove de Ourense.