Trátase do sistema para a optimación do tráfico en tempo real, un dos proxectos máis singulares de Coruña Smart City, e o proxecto de mellora enerxética na ETAP da Telva, que permitirá un aforro ao ano de 300.000 euros na factura enerxética
O tenente de alcalde de Medio, Infraestruturas e Territorio, Martín Fernández Prado, anunciou a adxudicación dos dous penúltimos proxectos piloto deCoruña Smart City, cuxa execución supoñerá un investimento de máis de 1,6 millóns de euros. Os dous proxectos piloto, aprobados no último consello de administración de Emalcsa, son o sistema de optimación do tráfico en tempo real, unha das actuacións máis singulares dentro o proxecto de cidade intelixente, e o piloto para a mellora enerxética na ETAP da Telva, que levará consigo un importante aforro nos consumos enerxéticos.
Coa adxudicación destes dous proxectos, máis do 85% de Coruña Smart City está xa en execución. Na actualidade, dos 14 proxectos piloto que completan o programa, 12 están en desenvolvemento. Só quedan pendentes de adxudicación dous pilotos: o de interacción co cidadán e o proxecto BIO. O obxectivo do Concello é que durante o primeiro trimestre de 2015 os cidadáns poidan gozar, de primeira man, das melloras que traerá consigo a implantación das tecnoloxías máis innovadoras incluídas dentro do proxecto Coruña Smart City.
No caso dos dous proxectos que acaban de ser adxudicados, o piloto para a optimización do tráfico en tempo real conta cun presuposto próximo aos 900.000 euros (892.483 euros) e será desenvolvido pola UTE de empresas conformada por Dinycon Sistemas S.L., Prometeo Innovations, Kineo e Itelsis. O prazo de execución é de sete meses.
Este proxecto permitirá mellorar a mobilidade na cidade mediante a actuación en tres ámbitos: as Vías Prioritarias Vixiadas (VPO), as zonas peonís reguladas e os sistemas de información ao cidadán, sempre de acordo coas medidas propostas dentro do Plan de Mobilidade Urbana Sostible.
Para o control das Vías Prioritarias Vixiadas realizarase un despregamento de dispositivos a base de cámaras intelixentes, que permitirá xestionar a situación do tráfico en tempo real. As cámaras instalaranse en rúas de alta densidade de tráfico, comoJuan Flórez, Médico Rodríguez e Fernando Macías, e sumaranse ás Vías Prioritarias Vixiadas xa implantadas en Federico Tapia e San Andrés. Estes dispositivos permitirán ter datos ao instante sobre o fluxo de vehículos, a saturación das rúas ou as incidencias.
Os dispositivos estarán conectados coa información de autobuses e a rede semafórica para dar prioridade ao paso dos buses e garantir as frecuencias. Ademais, entre as singularidades deste proxecto está o control dos aparcadoiros indebidos. Un dos obxectivos deste piloto é tratar de rematar cos problemas de dobre fila. Para iso instalaranse cámaras baseadas en intelixencia artificial que permitirán controlar os aparcadoiros en dobre fila, en zonas de carga e descarga, en paradas de bus e taxi, en prazas de aparcadoiro reservadas a persoas con minusvalidez ou nas zonas de párking expreso. Como novidade, o sistema enviará automaticamente unha mensaxe o teléfono móbil dos infractores para que retiren o seu vehículo.
No caso das zonas peonís reguladas, o proxecto actuará sobre as rúas do Ensanche e Peixaría, para restrinxir o acceso a determinados vehículos nos espazos destinados preferentemente ao tránsito peonil. Os equipos que se instalen controlarán a entrada e a saída dos vehículos e ofrecen a posibilidade de establecer diferentes criterios para crear un rexistro de usuarios da zona mediante a alta de matrículas autorizadas. Isto significa que o Concello dispoñerá de información real en todo momento dos vehículos que acceden a este espazo, se teñen permiso para acceder ou se permanecen dentro das zonas peonís máis tempo do debido, todo co fin de establecer as medidas correctoras que permitan mellorar a mobilidade na cidade.
O proxecto piloto completarase coa instalación de cinco paneis informativos para ofrecer aos cidadáns información en tempo real sobre o estado do tráfico da cidade, as incidencias nas vías, as rutas alternativas ou a dispoñibilidade de prazas nos aparcadoiros subterráneos.
No caso do piloto para a mellora enerxética da ETAP da Telva, o investimento será de 725.802 euros. A empresa coruñesa Técnicasde Soft é a adxudicataria deste proxecto piloto, que ten un prazo de execución de catro meses.
O piloto propiciará unha modernización da arquitectura de xestión e control da planta potabilizadora co fin de facilitar o seu mantemento, mellorar a súa eficiencia enerxética e conseguir unha xestión integral de todos os seus procesos. Instalaranse unha serie de sensores que permitirán dispoñer de información en tempo real de todos os procesos, e adoptar posteriormente as medidas correctivas para lograr un aforro enerxético e a sostibilidade ambiental.
Con este piloto de Coruña Smart City calcúlase que se rebaixará a factura enerxética da planta potabilizadora da Telva en 300.000 euros. Este aforro sumarase ao xerado na planta a través das melloras realizadas dende 2012. En total, calcúlase que todas as actuacións permitirán reducir en 600.000 euros a factura enerxética anual.
Ademais do aforro económico, o piloto ten un fonte compoñente ambiental. Coa implantación deste sistema de control reduciranse as emisións de CO2 á atmosfera en dous millóns de quilos, que equivale ao CO2 que absorben 168.000 árbores.
O proxecto de Coruña Smart City, iniciativa do Concello da Coruñae Emalcsa como solicitante, conseguiu, coa súa novidosa proposta, un cofinanciamento do 80% dos fondos FEDER, para un total de 11,5 millóns de euros. O proxecto deseñouse en dúas fases,
a primeira fase, adxudicada en abril do ano pasado á UTE formada por Altia, Ilux, Indra
e R, consistiu no deseño e puxo en marcha da plataforma tecnolóxica, á que se chama o cerebro da cidade.
Dos 14 proxectos pilotos, 12 están adxudicados e en fase de execución: o piloto de párking intelixente, eventos multicanles, sistema de calidade de augas e alerta temperá, telexestión de contadores, telexestión de redes de abastecemento, eficiencia enerxética en edificios municipais, rego intelixente, sistema de visitas guiadas, administración electrónica e sistema de calidade de aire e ruído, ademais do sistema de optimización do tráfico en tempo real e a mellora enerxética na ETAP da Telva. Os 14 proxectos piloto completaranse cos dous que xa saíron a licitación: o de interacción cidadá e o BIO.
Dende a súa posta en marcha, o proxecto recibiu importantes recoñecementos, como o de Mejor iniciativa dunha administración por parte dos Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia; pero tamén por parte do Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia; o recoñecemento da Fundación Lintel; a declaración como Cidade da Ciencia e a Innovación; ser elixida 1 das 6 finalistas de entre as 200 iniciativas presentadas, na categoría de proxectos dos World Smart Cities Awards, consolidando A Coruña como unha cidade referente do noroeste español; ou máis recentemente, os premios antes nomeados: a Mención de Honra á mellor Compra Pública Innovadora 2014 por parte da Comisión Europea, que recoñece os procesos de contratación e compra de servizos e produtos máis innovadores de Europa, nos que A Coruña foi a única cidade española finalista; e a elección da Coruña como 1 das 6 finalistas na categoría
de cidade nos premios entregados durante a Smart City Expo World Congress de Barcelona 2014.