A Plataforma estatal de Contratos co Sector Público mostra desde hai uns días a licitación de dous proxectos de renovación da iluminación pública en Moeche financiados pola Deputación da Coruña dentro do POS+ Adicional de 2017. O primeiro contrato, cifrado en 75.000 euros, servirá para pasar a tecnoloxía de led os farois que flanquean a estrada de Ortigueira desde Trieiro ata diante do restaurante Delfino. A segunda actuación, cun prezo de saída de 85.200 €, tamén substituirá a antiga iluminación na rúa do Concello e na explanada da feira, ademais de dotar con estes dispositivos o interior da nave do mercado. O obxectivo final de ambos proxectos é dobre: dunha banda mellorar as condicións lumínicas e, doutra -e quizais a máis importante-, reducir notablemente o consumo eléctrico. Estímase que a factura da luz se reduza en arredor de 21.500 anuais.
As subas da electricidade nos últimos anos converteron a factura da luz nun dos grandes apartados do gasto corrente en calquera municipio, e máis aínda naqueles rurais que posúen unha rede ampla de iluminación pública, como por exemplo Moeche. Sen que os recursos municipais aumenten ao mesmo nivel que o prezo da enerxía -como lles pasa tamén ás economías domésticas- a única opción que queda é tentar aforrar todo o que se poida. ¿Como?, pois apagando luces ou poñendo outras que consuman menos. E iso, poñer farois máis aforradores, é o que vai facer Moeche por medio de dous proxectos financiados con cargo ao POS+ Adicional de 2017.
No caso da iluminación pública que vai paralela á AC-862 o plan técnico prevé cambiar 125 lámpadas conectadas ás caixas de mando de Finlle, Trieiro, Leboreiro, Balocos e Sanguiñeira, onde tamén será necesario sustituír os mecanismos de control. E é que o led gasta menos alumeando máis, pero tamén é máis delicado ante sobrecargas eléctricas, polo que fai falla instalar dispositivos protectores xunto con temporizadores que regulen o acendido.A instalación actual suponlle ao Concello un desembolso anual en electricidade de algo máis de 25.500 euros e tralo cambio (atendendo aos prezos actuais da luz) estímase que se rebaixará nun 58%, quedando en 10.600 euros. O descenso tamén se deixará notar na pegada ecolóxica, xa que se pasará da emisión equivalente a 40 quilos de CO2/ano a tan só 16.
O led gasta menos ofrecendo unha luz de maior calidade. Polo tanto tamén precisa menos potencia contratada -un dos custes máis acusados da factura- e, ademais, ten unha maior durabilidade. Esa é a razón de que tamén se deseñara un proxecto para a rúa que vai desde a AC-862 até o Concello que prevé cambiar tanto as lámpadas actuais como os pés, moi danados polo paso do tempo. Tamén se substituirán as balizas que hai diante da casa consistorial por farois idénticos aos do resto da rúa, dándolle así uniformidade visual e lumínica a todo o trazado. Son 43 puntos de luz en total, aos que se lles sumarán outros 8 que irán instalados na zona da feira. Alí, con cargo á mesma intervención, poñeranse tamén luces 48 led dentro da nave do mercado máis dous proxectores exteriores.
Este contrato licítase por 85.217 euros, ive incluído, e tamén se agarda que traia un aforro considerable no gasto en electricidade: a instalación actual ten un custe anual duns 7.667 euros e despois do seu cambio a led andaría en pouco máis de 1.000 euros ao ano, é dicir, un 86% menos.
“Entre os dous proxectos que están en fase de contratación pública, e cos prezos medios da luz neste momento, poden aforrarse uns 21.500 euros ao ano”, comenta a alcaldesa, Beatriz Bascoy. A rexedora engade que para confirmar estas expectativas económicas formuladas nos pregos técnicos pola FAEPAC “a cuestión é que a electricidade non siga subindo como o fixo nos últimos anos, cun encarecemento de case o 80% que prexudica ao Concello e sobre todo ás familias”. Bascoy critica o alto prezo da electricidade, cualificándoo como “algo difícil de xustificar” por tratarse dun ben básico “do que Galicia é excedentaria”. Neste sentido, a rexedora local asegura que “mentres non haxa algún tipo de movemento político para acabar con este abuso, a nosa responsabilidade desde o goberno municipal é tentar rebaixar o consumo eléctrico todo o que se poida”.
Os procesos de licitación dos contratos para a renovación da iluminación pública na AC-862 e nos accesos e o entorno da feira poden consultarse na Plataforma estatal de Contratación co Sector Público. O prazo para que as empresas presenten as súas ofertas finaliza o próximo 23 de novembro.